divendres, 8 de juny del 2012

Ramón Otero Pedrayo,nado en Ourens

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego, membro da Xeración Nós. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.


Traxectoria  Naceu nunha familia fidalga, fillo do médico e deputado Henrique Otero Sotelo, e de Eladia Pedrayo Ansoar. Estudou o bacharelato na súa cidade natal, e matricúlase en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, onde lle dá aulas Armando Cotarelo Valledor. Abandona os estudos e fai unha viaxe co seu tío polo mar do Norte.

En 1905 marcha a Madrid a estudar Dereito e retomar Filosofía e Letras. Tras licenciarse en 1911 regresa a Ourense. No ano 1918 ingresa nas Irmandades da Fala. En 1919 gañou a cátedra de Xeografía e Historia por oposición, sendo destinado a Santander, Burgos e en 1921 a Ourense.En 1920 foi un dos fundadores da revista Nós. Colaborou de forma activa co Seminario de Estudos Galegos.

En 1931 fundou o Partido Nazonalista Republicano, sendo elixido deputado nas Cortes da Segunda República Española. En decembro dese ano o partido unificouse xunto con outras frontes nacionalistas no Partido Galeguista. Neste este partido defendeu a aprobación do Estatuto de 1936, pero enfrontouse ás voces máis vinculadas á esquerda.

No verán de 1937, Durante a guerra civil española, foi deposto da súa cátedra e salvou a vida grazas ás boas relacións que mantiña coa cúpula da igrexa ourensá. Nos anos seguintes viviu no seu pazo de Trasalba, retirado da vida política.

En 1947 viaxa a Bos Aires convidado polo Centro Galego, reencontrándose con Castelao. En 1948, xa con 60 anos, é reposto na súa cátedra. En 1950 acada a cátedra de Xeografía na Universidade de Santiago. Nese mesmo ano foi dos fundadores da Editorial Galaxia, sendo presidente do consello de administración.

Hoxe a Fundación Otero Pedrayo e mais a Fundación Penzol gardan a biblioteca así como os documentos e escritos do ilustre galego e continúa o seu labor na casa-museo de Trasalba. Foi soterrado no Cemiterio de San Francisco (Ourense)