diumenge, 20 de desembre del 2009

Audi e o iate,claves da victoria do PPdeG

A lingua non foi a causa da vitoria do PPdeG nas eleccións galegas do pasado 1 de marzo. Así o asegurou esta mañá nunha conferencia o catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Fermín Bouza, que advertiu de que no caso dos comicios de Galiza o papel dos medios de comunicación foi decisivo.
Durante as xornadas Ecolingua –organizadas polo IGEA–, Bouza debullou a socioloxía electoral da lingua durante os comicios galegos do 1 de marzo. O estudoso subliñou ao longo da súa intervención que o idioma non foi determinante nos resultados. “Chama a atención a importancia que lle deu o PP á lingua”, sinalou.
 Despois de afirmar que se deu un movemento de voto moi pouco significativo durante as eleccións que lle serviu ao PP para ocupar a Xunta, o analista asegurou que o bipartito perdeu “por mor da parte máis de esquerdas do seu electorado”. “A infidelidade da esquerda tomou parte na abstención que provocou a perda de votos”.
Campaña “sucia”
Para o sociólogo, as claves dos resultados das eleccións tiveron relación “co tema máis sucio da campaña: o Audi e o iate: dous disparates sen sentido que foron colocados no intre oportuno”. Nesta liña, destacou que “aínda que normalmente os medios de comunicación non son decisivos nos resultados dunhas eleccións, no caso galego si o foron”. Fermín Bouza identifica a compra do coche do ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da conversa do vicepresidente Anxo Quintana ao bordo dun iate cun empresario coa abstención do voto máis da esquerda do PSdeG e do BNG. “Estes dous feitos lograron desmobilizar parte do electorado, que dubidou acerca de que facer até días antes das eleccións ou até o mesmo 1 de marzo”, engadiu.
O relatorio do catedrático en Socioloxía tamén aludiu ás características do electorado dos grupos políticos. Neste senso, subliñou que o PPdeG abrangue un electorado “popular, básico, cun nivel de estudos baixo e co maior nivel de galegofalantes iniciais”. Sobre UpyD –da que dixo que “tivo certo éxito” co tema lingüístico “sobre todo fóra de Galiza”– destacou que integra nas súas filas “parte das elites universitarias”.
Fermín Bouza –que asegurou non coñecer o motivo que levou o PP a facer da lingua o eixo da súa acción política– sinalou que o idioma “non debe ser o un tema político, pero Feixóo converteuno en político unha vez que gañou as eleccións.
“Mentres siga sen haber consenso ao redor da lingua, o idioma seguirá a ser un asunto político”, agregou.
O sociólogo subliñou na súa intervención que cada vez son máis os críticos e os analistas que tratan o asunto lingüístico dunha perspectiva máis “irracional”. “A lingua failles perder a cabeza aos críticos. Agora é moi difícil falar do idioma en Madrid porque nos ven como unha banda de inquisidores”.
Neste sentido, Fermín Bouza referiuse ao tratamento que os medios de comunicación de fóra de Galiza lle deron á manifestación en defensa da lingua do 18 de outubro convocada por Queremos Galego. “A reacción en Madrid da exitosa convocatoria do 18-O foi unánime. Chamáronnos fanáticos, anticonstitucionais... dixeron que nos manifestabamos para prohibir o castelán e mesmo lle chamaron masón ao ministro de Xustiza, Francisco Caamaño”, advertiu.
O catedrático fixo fincapé en que “non só medios de comunicación como Intereconomía adoptaron esta postura, tamén a SER –que habitualmente escoito– aludiu a un suposto fanatismo lingüístico

dimarts, 15 de desembre del 2009

Santiago Apóstol i la Diada de Galícia (2010)

ANO JACOBEO
Na véspera do Día da Patria, o PPdeG homenaxeou a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres cun discurso no que non faltaron alusións á lingua. Así, presumiu do “galeguismo amábel” e atacou entre liñas os nacionalistas, supostos defensores dun “galeguismo esquivo”, segundo os conservadores. O líder popular en Galiza
declarou que “son os galegos os que deben decidir como queren expresarse, non os políticos”. Como alternativa, o presidente da Xunta defendeu que o seu partido encarna “ese galeguismo anónimo, valente, continuo, que vive cómodo no bilingüismo cordial que sempre estivo instalado en Galiza”.
Mentres Feixóo facía gala dun suposto “bilingüismo cordial”, o BNG presentaba unha iniciativa no Parlamento na que denunciaba un novo caso de discriminación lingüística contra o galego. Trátase do caso dunha moza que se presentou a unhas probas de selección para unha tenda de deportes e que polo feito de expresarse en galego foi rexeitada pola responsábel da entrevista coa seguinte resposta, “como veo que no sabes hablar español, no me interesa. Gracias”.
Segundo a afectada, nin sequera tivo opción de explicar o dominio que posúe en varios idiomas, español incluído. Este non é un caso illado en Galiza, xa que son numerosas as persoas que sofren presións nos seus postos de traballo para que non empreguen o galego. E é que malia o “galeguismo amábel” do que presume Feixóo, gran parte do empresariado pensa que o galego é unha lingua inútil para a súa actividade.
Ante situacións como a que vén de dar a coñecer o BNG, os nacionalistas consideran “indispensábel que a Administración interveña para defender os dereitos democráticos, lingüísticos neste caso, dos traballadores e traballadoras”. En concreto, o Bloque demándalle á Xunta de Galiza que informe das medidas que vai poñer en marcha para garantir o dereito dos traballadores e traballadoras ao uso da lingua galega no posto de traballo, ou para acceder a el.

Co PP no Goberno,os d´´ebiles importan menos

Xema –nome figurado– é vítima da violencia de xénero, vense de separar da parella e ten dous fillos, unha con parálise cerebral. Despois de buscar apoio en diferentes colexios de avogados, deu coas oficinas de Igualdade e Benestar (I+B), onde atopou o asesoramento xurídico que precisaba.
Cada mes ponse en contacto co departamento das Pontes para pedirlle axuda á profesional de Igualdade. “Como non se pode desprazar para non deixar a nena soa, vou onde ela a Cabanas e axúdoa en todos os trámites, porque no mundo xudicial está perdida”, explica a avogada que a atende. “Di que son a única que a escoita e agora, co desmantelamento das oficinas, Xema, como tantas outras vítimas da violencia de xénero, volverá quedar soa”, engade. Casos como o desta muller eran atendidos polo que foi o instrumento estrela da política de servizos sociais da Vicepresidencia durante o Goberno bipartito, as oficinas I+B.
Ademais de abranguer os problemas de diversos colectivos –mulleres maltratadas, familias, terceira idade, xuventude, nenos, excluídos sociais...– estenderon aos concellos do rural as prestacións en axuda social das que xa dispuñan as grandes vilas. As 18 oficinas que empregan 104 profesionais traballan en plena coordinación con 294 concellos –a práctica totalidade, agás as vilas de maior tamaño e as cidades. Con todo, a Xunta de Galiza eliminou dos orzamentos do 2010 as partidas específicas destes departamentos, polo que a súa continuidade fica en dúbida.
Durante o último mes, os traballadores de I+B mobilizáronse contra o desmantelamento das oficinas. O xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, comunicoulles aos representantes sindicais o despedimento de 61 profesionais que atenden igualdade, familia e menores por “falta de orzamentos”. “Non sabemos que vai pasar con nós”, sinala Lucía Sánchez, unha das traballadoras das oficinas. A CIG uniuse á denuncia da “primeira medida contundente e cruel dunha Administración que desartella un servizo que non vai ser substituído”.
“Enchufismo” do BNG
A comunicación de Rodríguez aos representantes dos profesionais produciuse días despois das declaracións da secretaria xeral de Benestar, Susana López Abella, que cualificou as oficinas de “axencias de colocación do BNG”. Con todo, moitos dos afectados foron contratados co PP na Xunta e todos superaron un concurso público. Así o proban as sucesivas convocatorias no DOG e a propia páxina web do Consorcio. Os traballadores –que iniciaron accións legais por difamación– ven nas acusacións de “enchufismo” a xustificación da supresión destes postos laborais. O Goberno de Feixóo remite agora a continuidade das oficinas I+B á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O plan do PP avoga por que sexan os municipios os que xestionen estes servizos. De manter esta postura a Xunta, os concellos máis pequenos veríanse na obriga de desatender os programas pola falta de recursos.
Igualdade, a esquecida
Igualdade é, segundo os propios profesionais das oficinas, a grande esquecida do Goberno de Feixóo. “Desde marzo deixamos de existir para a Xunta” censura unha das traballadoras. Co desmantelamento das oficinas desaparecerán servizos como a educación familiar, os obradoiros de igualdade para nenos, pais e docentes, o asesoramento xurídico para parellas en trámites de separación ou para mulleres maltratadas, o apoio ás vítimas da violencia de xénero ou as charlas e actividades para a muller. Os profesionais das oficinas cuestionan a nova aposta da Xunta, que co gallo do Día contra a Violencia de Xénero estreou unha campaña publicitaria para previr o maltrato.
“Prefiren gastar en valados e en anuncios que en manter o traballo pola prevención da violencia desde as aulas”, denuncia unha afectada. E é que un dos programas pioneiros da área de Igualdade centrouse na prevención dos malos tratos, na historia non contada das mulleres e na conciliación e corresponsabilidade desde o ensino. As contas públicas do 2010 tamén deixan sen recursos os programas de formación en igualdade para persoal sanitario, para deportistas ou para os axentes das forzas de seguridade e as guías comarcais sobre a actuación ante a violencia de xénero. O recorte tamén lles afecta ás actividades destinadas ás asociacións de mulleres –como os obradoiros de risa, de educación para a saúde ou de habilidades de comunicación e as conferencias. Nesta liña, unha das especialistas de I+B apunta á externalización deste servizo.
“Curiosamente, desde a chegada do PP á Xunta, unha empresa privada comezou a impartir para o Goberno obradoiros moi semellantes aos que viñamos ofrecendo nós”, advirte. Carme Adán, deputada nacionalista e ex secretaria xeral de Igualdade, láiase da “perda de valor” que sofre o servizo desde que o PP accedeu á Xunta. “Trátase dun modelo de optimización de recursos moi avanzado que actúa onde máis se necesita, no rural”, apunta. O BNG ten levado ao Parlamento a situación das oficinas e dos traballadores de I+B, pero as mocións non contaron co apoio nin do PP nin do PSdeG.

dilluns, 7 de desembre del 2009

O sinal de TVG no chega aos televisors de Eo-Navia

Desde hai tres semanas, o sinal da TVG non chega aos televisores do Eo-Navia. O mesmo podería acontecer co apagamento analóxico dentro dun mes no Bierzo e en marzo do 2010 nas Portelas. Neste contexto, colectivos como Abertal ou Fala Ceibe amosan a súa preocupación e reclaman un acordo entre os respectivos Gobernos para que a Galega chegue por TDT.
Tamén o BNG e o Partido do Bierzo (PB) adiantan iniciativas a prol do sinal da TVG a estas zonas. Coa chegada da Televisión Dixital Terrestre (TDT), as áreas estremeiras ficarán sen a Galega. A Xunta de Galiza xa se amosou aberta á darlle continuidade ao sinal, pero só estendería a TVG “de acordo coa colaboración” dos respectivos Gobernos autonómicos. O pasado 23 de novembro, as Cortes de Castilla y León rexeitaron unha proposición non de lei do PSOE para darlle continuidade á recepción do sinal da TVG no novo formato dixital no Bierzo. A medida do deputado Pedro Nieto –na que se instaba a Junta a acordar un convenio de colaboración coa Xunta de Galiza– foi desbotada polo Grupo Parlamentario do PP.
Deste xeito, a partir do 31 de decembro, os bercianos non poderán ver o Luar –un dos programas de máis audiencia na comarca estremeira– nin o Xabarín Club –que chegou a contar con 1.200 socios da zona.
O PP castelán-leonés alegou que a lexislación estatal da televisión dixital impide a emisión e a recepción das televisión autonómicas fóra do ámbito das autonomías. Con todo, hoxe en día algunhas televisións dixitais emiten o sinal fóra do seu territorio. A televisión catalá vese en Aragón e en Valencia, a televisións vasca recíbese en Navarra e a televisión andaluza chega a Ceuta e mais en Melilla.
Defensa do PB e de Fala Ceive
Iván Alonso, secretario xeral do Partido do Bierzo (PB), critica que “o PP defende que as fronteiras non deben existir e o primeiro que fan é pór unha fronteira para que non se vexa na comarca a TVG, que pasou a formar parte do sinal de identidade e da cultura dos bercianos”. “A aceptación da Galega no Bierzo é indiscutíbel”, asegura Alonso. De aí que o Partido do Bierzo vaia pedirlle axuda ao Consello Comarcal do Bierzo para intentar que a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla y León cheguen a un acordo.
O colectivo Fala Ceive –que defende o sinal da TVG no Bierzo e nas Portelas– dirixiuse aos partidos do Congreso dos Deputados para reclamarlles unha solución. “Tamén estamos á espera do que se debata a iniciativa do BNG no Parlamento galego e estudamos acudir ao Parlamento Europeo”, explica Xabier Lago. Fala Ceive tamén prevé contactar co Valedor do Pobo en Galiza e co Defensor del Pueblo no Estado español para que cumpran co dereito da veciñanza. “Estamos a recibir numerosos correos nos que os bercianos piden a continuidade da TVG”, explica Lago, que tamén pedirá que interceda o Consello Comarcal do Bierzo.
Eo-Navia, sen TVG desde hai tres semanas
O apagamento analóxico xa chegou ao Eo-Navia, segundo asegura Carlos Varela, da asociación Abertal. “Desde hai tres semanas non podemos ver a TVG”, sinala. Ante o anuncio da Xunta de garantir a continuidade da Galega co apagamento analóxico, a Secretaría Xeral do Principado –que ve unha “inxerencia” na postura de Feixóo– respondeulle ao Executivo galego que “as competencias entre Asturias e Galiza rematan nos límites exactos dos territorios”.
“Aquí o PP está a favor de manter a TVG no Eo-Navia, o PSOE non se pronunciou e Izquierda Unida é o grupo máis belixerante, está completamente en contra”, apunta Varela. Segundo Abertal –que estuda emprender iniciativas para recuperar o sinal da TVG– “todos os habitantes do Eo-Navia queren a Galega”. A meirande parte dos alcaldes dos concellos do Eo-Navia apoian a continuidade do sinal da Galega no territorio e ven a iniciativa “enriquecedora”. Só a alcaldesa do Franco o considera “unha intromisión”.
O BNG leva o sinal da TVG nas zonas estremeiras ao Parlamento galego
O BNG, a través dos deputados Bieito Lobeira, Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, presentaron no Parlamento unha pregunta oral para a súa resposta en Pleno e unha proposición non de lei para que a Xunta tome as medidas que posibiliten a recepción do sinal da TVG logo do apagamento analóxico no Bierzo, nas Portelas e no Eo-Navia.
Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dunha “televisión sen fronteiras”
O periodista e escritor Afonso Eiré, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, ou os ex presidentes da Generalitat Jordi Pujol e Pasqual Maragall son algúns dos representantes sociais e políticos que apoian unha Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso dos Deputados (ILP) para crear unha televisión sen fronteiras.
O proxecto de lei, de ámbito estatal, que promulga esta ILP ten por obxecto garantir a recepción directa das emisións de radio e televisión autonómicas realizadas totalmente ou maioritariamente nas linguas incluídas no ámbito de protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias nas outras comunidades autónomas coas que comparten lingua. A iniciativa –que xa foi aceptada a trámite– deberá recoller un mínimo de 500.000 firmas no Estado español nun máximo de nove meses.

diumenge, 29 de novembre del 2009

O Parlamento galego i la Lei de Caixas

O Parlamento galego adoptou un acordo unánime esta semana para reformar a Lei de Caixas para dotar o Goberno dun instrumento que guíe o vieiro a seguir. Ante a falta de liderado da Xunta do PP, o Bloque Nacionalista Galego tomou a iniciativa. O portavoz de Economía do BNG, Fernando Blanco, xustificou a presentación deste proxecto ante a falta de “dirección” amosado até o de agora polo presidente do Executivo galego, Alberte Núñez Feixóo, para marcar o escenario e regras de xogo,“aquí chegouse tarde, como no debate do financiamento, e por iso tivemos que tomar a iniciativa outros”. Trátase dunha achega fundamental para reforzar o autogoberno de Galiza e para dotar de máis capacidade de intervención política o Goberno galego.
Deste xeito, o Parlamento galego failles fronte aos intereses dos que cuestionan a propia existencia das caixas e dos que tentan abrir o camiño para que a longo prazo os bancos se convertan nos seus propietarios. “Este é outro dos riscos aos que nos enfrontamos, non só que perdan a súa vinculación con Galiza senón que incluso desaparezan”, de aí a necesidade de aproveitar a oportunidade para sacar adiante a “ferramenta” que sirva para que as caixas sigan sendo galegas, sinalou o deputado nacionalista. Nós non podemos obrigar á fusión pero si vetar calquera acordo que vaia en contra dos intereses do país”, lembrou Blanco.
Malia que a reforma foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos, PP, PSdeG e BNG manteñen diferenzas sobre a canto debe ascender a presenza de representantes da Administración galega nos consellos de administración das entidades financeiras. De feito, mentres o BNG apostou por que a presenza da Xunta alcance un 20 por cento e que os seus representantes teñan "voz e voto"; o PSdeG defendeu a "presenza" do Goberno galego aínda que rexeitou a "politización" das caixas; e os populares fixeron fincapé na necesidade de "seguir garantindo a independencia e profesionalidade" dos consellos, aínda que avogaron por "aumentar o protectorado" da Administración.
Nunha multitudinaria rolda de prensa despois da reunión que mantivo esta semana Feixóo cos máximos responsábeis de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e de Caixanova, Xulio Fernández Gaioso, o presidente da Xunta sinalou que un dos obxectivos da reforma é “reforzar os labores de protectorado” do Goberno sobre as caixas. Iso si, mantendo “a independencia na xestión operativa”.
Neste encontro, Feixóo entregoulles ás caixas o seu informe, que, malia ser confidencial, parece que aposta por unha fusión. A Xunta deulles un ultimato a Méndez e a Gaioso para que estuden nunha semana conxuntamente a documentación e se pronuncien publicamente sobre se queren unha fusión entre elas ou apostan por alianzas foráneas.
Solvencia e galeguidade
Feixóo tamén se reuniu esta semana coa patronal galega, cos sindicatos e cos máximos responsábeis de PSdeG e BNG, Manuel Vázquez e Guillerme Vázquez, respectivamente, para tratar de forma conxunta o futuro das caixas de aforros. Tanto o PP, como o PSOE e o BNG acordaron que as dúas condicións para as operacións que propoñan as caixas son "solvencia e galeguidade”.
Unicamente o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, explicitou a súa postura. “O BNG só apoiará o presidente da Xunta se este aposta por unha fusión ou alianza das caixas galegas. Calquera outra opción que baralle o Goberno galego obviamente non contaría co respaldo do BNG, pois implicaría na práctica a desaparición virtual das caixas galegas”. O socialista Manuel Vázquez limitouse a afirmar que o PSdeG aposta por que as caixas "teñan os seus centros de decisión en Galiza" e que as decisións que se tomen "redunden nas súas fortalezas".
Feixóo concretou que, unha vez terminados os traballos técnicos, volverá convocar os dous responsábeis das formacións da oposición. A postura, espera, será coincidente "se non ao cento por cento, ao 99 por cento".

dissabte, 21 de novembre del 2009

O castelán non está marxinado no ensino

Esta é unha das xustificacións coas que o Tribunal Supremo rexeita que as familias escollan a lingua na que se educan os seus fillos e fillas, como reclamaba un pai vigués –que buscaba unha educación en castelán. Trátase dunha sentenza de gran relevancia política en Galiza, xa que a Consellaría de Educación ultima estas semanas a proposta do decreto que substituirá a norma do bipartito –que insta os centros educativos a impartir o 50 por cento das materias en galego e que nin sequera se está a cumprir. Con esta manobra, o PP reducirá a xa escasa presenza da lingua no ensino.
Os diferentes fallos do Supremo a favor do galego deixan sen argumentos a falsa “imposición” da lingua propia do país á que recorre a cúpula do PP continuamente. Na última sentenza, publicada esta semana, o alto tribunal recolle que “toda persoa dependente da xurisdición dun Estado o dereito a ser instruído na lingua da súa elección conduciría a resultados absurdos, xa que todos poderían reivindicar así unha instrución impartida en calquera lingua, en calquera dos territorios”.
Auto contra o galego:
O anuncio da sentenza do Tribunal Supremo coincidiu no tempo co coñecemento público dun auto no que se afirma que o galego “non ten utilidade práctica”. Así, o Bloque Nacionalista Galego denunciou que un xulgado de Alcorcón (Madrid) ameaza unha nai galega con retirarlle a custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón a Vigo, debido a que “o ensino é en galego e esta lingua non é útil”. Nunha rolda de prensa, o irmán da afectada, Manuel López Rodríguez, relatou “o calvario o que se nos está sometendo, cunha evidente inxustiza por querer vivir en Galiza” e salientou que as nenas “non tiveron ningún problema co galego”.
O portavoz de Lingua do BNG criticou o auto, que lle nega á nai que se traslade a Vigo debido ao perigo de “desarraigo que se estende ao seu ámbito escolar, pois as menores estiveron escolarizadas desde hai moitos anos no Colexio Amanecer, de Alcorcón, para agora verse escolarizadas en Centros Públicos, en Vigo, con inmersión nun sistema escolar en lingua galega, unha lingua distinta á que foron escolarizadas até o de agora, que máis alá do ámbito de aquela Comunidade Autónoma, non se aprecia que teña ningunha outra utilidade práctica”. O deputado nacionalista subliñou que “é un caso de racismo lingüístico, de xenofobia, como se fora un delito que en Galiza tiveramos unha lingua propia”.
Ademais, Lobeira advertiu de que “argumentos como o deste xulgado de Alcorcón poden sentar xurisprudencia no futuro e calquera pai ou nai separado de Galiza, Catalunya ou Euskadi que viva en Madrid ou noutra Comunidade castelanfalante e queira volver á súa terra perderá a custodia dos seus fillos”.
Ante esta situación, o deputado nacionalista presentou unha proposición non de lei no Parlamento pola que se insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas, ao amparo da legalidade vixente para evitar un caso flagrante de discriminación por razón de lingua, de pertenza e residencia na Galiza, que está a padecer unha familia de Vigo”. Polo de agora –tres días despois de que o BNG sacase á luz este caso– a Xunta aínda non se pronunciou nin lle ofreceu á familia afectada o seu apoio.

dissabte, 14 de novembre del 2009

Sete anos despois do "Prestige",Galiza fica defensa

Hoxe, 13 de novembro -2009, cúmprense sete anos da catástrofe do Prestige. No maxín dos galegos e galegas fican as costas tinguidas do negro do chapapote e, como cada aniversario, repítese a preocupación polo que poida acontecer se volve dar outro caso como o do petroleiro. E é que Galiza –malia posuír o litoral máis afectado polos verquidos contaminantes– non conta aínda con medidas de protección ante novas catástrofes, nin con protocolos de actuación, nin con planos de evacuación que eviten outro accidente similar.
A última medida anunciada polo Goberno español tampouco axuda a solucionar a indefensión de Galiza para combater a contaminación mariña. O Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero decidiu desmantelar o Centro para a Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima e do Litoral (CEPRECO), que tiña a súa sede na Coruña, e o panel de expertos antiverquidos que se encargaba de asesorar as Administracións en caso dun accidente marítimo que implicase a vertedura de substancias contaminantes.
Mentres o Goberno español segue a defender a centralización en Madrid de todo o que ten a ver co Salvamento Marítimo, o pecio –que aínda conta con máis de 1.700 toneladas de hidrocarburo no seu interior– segue emanando cada día entre 20 e 50 litros de fuel debido á corrosión do casco, segundo o último informe da empresa petrolífera Repsol-YPF.
“O Goberno asegura que o traslada a Madrid para atender tamén o Mediterráneo, pero o que o que non din é que Galiza ten máis quilómetros de costa, máis flota pesqueira, máis sinistralidade no mar e máis mareas negras nas súas costas que todo o Mediterráneo”, denunciou o BNG. “Galiza é o lugar do mundo que sufriu máis grandes mareas negras e fronte ás nosas costas pasan cada ano máis de 13.000 buques con mercadorías perigosas”, engadiron os nacionalistas. De aí, que o portavoz de Pesca do BNG, o deputado Bieito Lobeira –que se laia da falta de adaptación da lexislación pesqueira española e europea á realidade galega–, presentase unha proposición de lei na que reclama que o Goberno español lle transfira a Galiza todas as competencias en materia de Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Sen xuízo, sete anos despois-.O xuízo que lles atribuirá as responsabilidades aos implicados na causa do Prestige segue sen iniciarse sete anos despois. Pedro Trepat, avogado da acusación particular da Plataforma Nunca Máis, afirmou que o atraso se debe a que “non houbo interese político en canalizar dentro duns parámetros temporais” o xuízo. “Outras causas moi complexas, como a do 11M, se instruíron rapidísimo”, lembrou o letrado.
A xuíza titular do Xulgado de Instrución número un de Corcubión, concluíu o pasado mes de marzo o procedemento abreviado do caso. Con todo, a maxistrada exculpou entón da catástrofe o ex director xeneral de Mariña Mercante, José Luis López-Sors, que no seu momento decidiu que o buque fora afastado da costa –feito que aumentou o dano derivado do accidente e provocou que o barco, finalmente, rompera.
A Audiencia da Coruña revogou o pasado mes de outubro o auto da xuíza de Corcubión e decidiu volver inculpar na causa a José Luis López-Sors ao ver a decisión de afastar o barco como un “erro clamoroso” que derivou nunha “responsabilidade criminal con imprudencia grave”.
Neste momento, o xulgado de Corcubión está á espera de abrir a fase de xuízo oral, na que as partes presentarán os seus escritos de clarificación. Posteriormente, o procedemento será elevado á Audiencia Provincial da Coruña e esta sinalará unha data definitiva para a vista oral e a apertura do xuízo.
Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), máis de 2.300 prexudicados pola marea negra do Prestige reclaman civilmente polos danos sufridos, mentres que outros 2.000 están na causa.
Menor produtividade das rías-.Co gallo do sétimo aniversario da catástrofe, tamén a asociación ecoloxista Adega amosou a súa preocupación polos efectos crónicos da presenza de fuel na costa, xa que estes contaminantes “son acumulativos nos organismos vivos” e ao longo da cadea trófica recaen nos consumidores de peixes e mariscos.
A entidade subliñou a gran capacidade de recuperación do litoral, que provocou que se superase a fase aguda. Con todo, critica que “até agora practicamente non hai feitos estudos serios” sobre os efectos a longo prazo da contaminación do Prestige.

diumenge, 8 de novembre del 2009

A Xunta contrata empresas de fóra para O Xacobeo

Malia que o PPdeG prometera que as empresas do país serían as que levasen “maioritariamente” a produción e xestión dos espectáculos do Xacobeo para “recuperar” a economía de Galiza a través deste evento, a Consellaría de Cultura outorgoulle a unha axencia de Madrid a publicidade da cita cultural.

A empresa Ruiz Nicoli –que ten traballado para a comunidade presidida por Esperanza Aguirre– recibirá máis de 543.000 euros polo seu traballo.
A clave da concesión foi a “orixinalidade” da proposta, concepto que puntuou a metade do concurso. No sector da publicidade galega sorprendeu que a Consellaría de Cultura non confiase nunha axencia de Galiza para este importante contrato. O BNG xa expresou o seu desacordo coa concesión. Así, a portavoz de Turismo no Parlamento, a nacionalista Carme Adán, considerou “cuestionábeis” os criterios que utilizou a Xunta para adxudicarlle á empresa de publicidade madrileña os anuncios do Xacobeo 2010. Adán cualificou de “sorprendente” tanto a valoración dos criterios empregados como que a Consellaría de Cultura e Turismo non confiase nas axencias de publicidade galegas “para este importante contrato”.

E é que das 24 candidaturas que se presentaron, 16 eran do país. A parlamentar nacionalista preguntouse se “este é o impacto positivo que vai ter o Xacobeo na economía galega”. No que atinxe aos contidos, o PP rexeitou unha Proposición non de Lei do BNG na que se lle pedía á Xunta de Galiza que no marco da celebración das actividades do Xacobeo 2010, a cultura galega tivese un lugar preferente na programación cultural, de xeito que fose destinataria, como mínimo, do 50 por cento dos fondos que se destinasen a esta finalidade. Para a portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, o que reclamaban os nacionalistas era “algo lóxico e de sentido común, e que tamén o fixo Catalunya durante as Olimpíadas de Barcelona e Sevilla durante a Expo: aproveitar o evento para apoiar e dar a coñecer a nivel internacional os e as artistas e industrias culturais locais”.

Marxinación dos galegos e galegas Pontón explicou que a iniciativa do BNG viña motivada porque “na programación do Xacobeo 2010 que fixo o Goberno do Partido Popular é unha programación que prima e privilexia os artistas de fóra e minusvalora e marxina os e as artistas galegos e as nosas industrias culturais”. A deputada nacionalista advertiulle ao PP que “non xogue á demagoxia, porque o BNG claro que está a favor de que veñan artistas de fóra, pero que os nosos estean ao mesmo nivel, xa que é a única forma de prestixiar o propio e proxectalo no mundo como un país cunha cultura e lingua propias”.

Ademais, Ana Pontón incidiu na necesidade de que o Xacobeo 2010 aposte pola cultura galega “porque a industria cultural tamén é riqueza, son miles de empregos, e é imprescindíbel apoiala neste momento de crise, e o Xacobeo é unha oportunidade única que non se pode desperdiciar”. A negativa do PP a apoiar a iniciativa do BNG demostrou para a deputada nacionalista que “o Partido Popular ve a cultura galega como unha anomalía, non entenden que é unha cultura contemporánea e están acomplexados con ela”.

dilluns, 2 de novembre del 2009

La Conselleria del Mar,asinada no canto de Lobeira

“La Consejería de Medio Rural en La Coruña” ou “la conselleira del Mar” son algunhas das expresións que comezan a empregar altos cargos da Xunta de Galiza nos seus escritos oficiais. O portavoz de Lingua do Bloque Nacionalista Galego, Bieito Lobeira amosou no Pleno do Parlamento celebrado esta semana os escritos da Administración en castelán.
Entre os documentou destaca unha misiva enviada por Rosa Quintana, responsábel da Consellaría de Mar, redactada integramente en español. A carta, que se dirixe a “Sr. D. Bieito Lobería Domínguez” –no canto de Lobeira–, está asinada por “La conselleira del Mar”.
A Administración autonómica non só non emprega o castelán na redacción. Tamén o usa para deturpar a designación oficial dos órganos institucionais. É o caso de “La Consejería de Medio Rural en La Coruña”, “Ayuntamiento de Ordes” ou “El jefe territorial de la Consejería de Medio Rural en La Coruña”. O parlamentar do BNG revelou estes documentos antes de presentar unha moción na que lle pediu á Cámara o compromiso co galego e que o PP desbotou. Lobeira considerou un “retroceso histórico” o rexeitamento do PPdeG á actual lexislación en materia lingüística, “que foi consensuada por todos os grupos políticos galegos no seu momento”. En concreto, a iniciativa do BNG pedíalle ao Goberno Galego que cumprise o artigo 10º da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que estabelece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.
En segundo lugar pedía que se revalidase o compromiso co Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade en setembro do 2004. Ademais pedíase que se presentase un informe anual ao Parlamento sobre o cumprimento destas medidas e, por último, demandábase que, en cumprimento da Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública Galega, e en concordancia co PXNL, os cargos da Xunta de Galiza usen de xeito normal o galego nas súas relacións coa cidadanía”. 

Por iso, o deputado nacionalista cualificou de “inaudito que o Partido Popular rache todos os consenso e mesmo se negue a apoiar o que di a lei”. “Nunca me imaxinei como deputado do BNG pedíndolle a un Goberno que, simplemente cumpra a lei”, engadiu. 

 

Bieito Lobeira lembrou que “o pobo galego foi castigado durante séculos, humillado e reprimido por falar en galego, un proceso que se acentuou durante o Franquismo, e que deixou unha fonda pegada na xente, de complexo de inferioridade e de que o galego é un lastre e un atraso para progresar”.

O deputado do BNG subliñou que “durante os últimos 25 anos, coa Xunta de Galiza, logramos avances moi cativos para parar ese proceso de substitución da lingua galega polo español”. 

“Con todo, e debido á estratexia máis españolista do Goberno de Feixóo, atopámonos agora con voces que criamos superadas pola historia e polo avance da democracia que vociferan contra o galego e queren mesmo reinstaurar os topónimos deturpados das nosas vilas e cidades”. O deputado do BNG considera que coa súa negativa no Pleno do Parlamento Galego “o Goberno de Feixóo fai ouvidos xordos ás ducias de miles de galegos e galegas libres que se manifestaron o pasado 18 de outubro en Santiago de Compostela”. “O Goberno do Partido Popular é un goberno instalado na soberbia, presidido por un sector españolista e antigalego, e que despreza a gran maioría dos galegos e galegas que, independentemente da lingua que falen, lle queren ben ao país e á lingua galega”.
A moción defendida polo BNG no Parlamento foi rexistrada por Lobeira un día despois de que o director xeral de Mobilidade da Xunta, Miguel Rodríguez Bugarín, empregase topónimos deturpados e interviñese en castelán na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos da Cámara. A intervención de Rodríguez Bugarín tamén provocou que o BNG presentase unha queixa á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, sobre este asunto

dissabte, 24 d’octubre del 2009

Plataforma Cidadà per la Llengua Gallega

A plataforma cidadá Queremos Galego foi quen de pór en pé o país contra a política desgaleguizadora que está a impulsar o PP desde a Xunta. De pouco valeu o silenciamento dos medios de comunicacións próximos ao Goberno nos días previos á manifestación. Máis de 50.000 persoas –segundo as forzas de seguridade– e de 100.000 –segundo a organización– responderon o pasado domingo 18 de outubro á chamada
de 500 entidades agrupadas ao redor do colectivo para se unir nun mesmo clamor social a prol da lingua.
A Praza da Quintana ficou pequena para abeirar os milleiros de persoas que agardaban nas calellas compostelás. Ás 13.30 horas, o recinto estaba acugulado de manifestantes que berraban “Ao Obradoiro, ao Obradoiro”. E é que a cantidade de galegos e galegas que saíron ás rúas en defensa da lingua foi tal que aínda saía xente da Alameda co acto xa iniciado na Quintana.
Ao remate das intervencións –nas que participaron o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo, a actriz Patricia Vázquez, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callóns, e o cantante e ex director de Programas da Radio Galega, Xurxo Souto– os manifestantes foron abandonando a praza, pero non como remate da mobilización, senón para deixarlle paso a segunda quenda de persoas que volvían ateigar a Quintana. Por vez primeira desde as eleccións do 1 de marzo, toda a oposición se reunía nun acto a prol do idioma e contra os recortes á xa de por si cativa lexislación en materia lingüística.
BNG, Esquerda Unida, Terra Galega, PsdeG ou o Partido Galeguista sumáronse en diferente grao a unha marcha que adquiriu unha pluralidade da que só se autoexcluíu o PP. Desde as mocidades nacionalistas de Galiza Nova, pasando por destacados persoeiros da cultura galega, até teólogos e sindicalistas participaron nesta manifestación histórica á que tamén asistiu o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Os socialistas respondían á chamada de Queremos Galego despois de desencontros entre os propios dirixentes do partido ao redor da polémica do topónimo deturpado da cidade da Coruña –defendido polo alcalde, Xavier Losada, e polo propio secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez.
O líder dos socialistas galegos sinalaba hai uns días que o partido que dirixe “non tería ningún problema en aceptar o nome da cidade en castelán porque Galiza ten dúas linguas oficiais”. Vázquez cambiaba de discurso o domingo e non dubidaba en nomear a Feixóo como “inimigo número un do galego”. Unha vez máis, foi o nacionalismo quen abriu o camiño a favor da lingua. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reclamoulle ao presidente da Xunta que rectifique e que “volva ao consenso” en materia lingüística. Tamén alertou da posibilidade de que Feixóo “tente mudar a Lei de Normalización Lingüística”. Como reacción ao éxito da manifestación, o PP volveu utilizar como instrumento de propaganda ao seu servizo os medios de comunicación públicos do país.
En primeiro lugar, a TVG non deu ningunha cifra aproximada de asistentes e limitouse a falar de “milleiros de persoas”, ao contrario que no caso da marcha antiabortista, na que deu as cifras de participación achegadas polo Goberno de Madrid. Cómpre lembrar tamén que a conexión da TVG en directo na Praza da Quintana tivo lugar nun momento de transición entre a primeira e a segunda quenda de lectura do manifesto. O ente público faltou á verdade cando afirmou que a mobilización rematara e que a xente estaba a abandonar a Quintana –mentres milleiros de persoas acugulaban as proximidades da praza para escoitar a repetición do acto, que xa fora anunciado en varias ocasións por megafonía. Coincidencia ou manipulación?
Desde as filas populares, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda –que participara nunha marcha en contra do galego– criticou que un ministro “proteste contra un Goberno autonómico” e Feixóo preferiu aludir ao trilingüismo cando os profesores e profesoras das Escolas Oficiais de Idiomas está a mobilizarse en toda Galiza ante os recortes e o desmantelamento que están a sufrir desde a actual Xunta. A manifestación do 18 de outubro é o primeiro chanzo dun proceso que continuará co impulso dunha Iniciativa Lexislativa Popular de Queremos Galego, que demostrou ser a ferramenta máis útil, a maior expresión de unidade e de capacidade a prol da lingua. A máis grande e plural marcha en defensa do idioma foi tamén unha mobilización da autoestima do pobo galego, que desde hoxe deberá traballar a prol da reconstrución da política desde a dignidade e desde a confianza en nós mesmos

dissabte, 26 de setembre del 2009

Galiza súmase á "revolta galega" de leite

A o longo da semana gandeiros galegos dunhas 300 explotacións das comarcas do noroeste de Galiza esparexeron milleiros litros de leite para reclamar solucións á crise que vive o sector desde hai meses. Así, os produtores –convocados polo Sindicato Labrego Galego (SLG) súmanse á “revolta labrega” que comezou o pasado 10 de outubro noutros países da Unión Europea.
“O prezo é tan baixo que antes de llo regalar ás industrias para que se enriquezan á nosa costa e á dos consumidores e consumidoras, consideramos máis útil empregalo para chamar a atención da cidadanía e esixir solucións por parte dos Gobernos a esta grave crise”, apunta o sindicato. E é que na actualidade, os produtores de leite cobran entre 22 e 24 céntimos de euro por litro.
Por vez primeira na historia, estanse a celebrar accións coordinadas en toda Europa co fin de pedir solucións a un problema que xa levou á ruína moitas granxas leiteiras. Os gandeiros observan con impotencia como os prezos aos que venden os seus produtos son os mesmos que hai anos, nalgúns casos até décadas. Os prezos en orixe non aumentan de acordo coa inflación que sofre o consumidor, pero o que si sobe son os custos que recaen sobre os produtores, como o da enerxía, que seguiu unha tendencia á alta nos últimos anos. Tendo en conta a inflación, o descenso dos beneficios dos produtores de leite é dun 27 por cento durante os últimos 20 anos.
A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, explica que as dúas principais reivindicacións seguen a ser, por unha banda, acadar un prezo que cubra os custes de produción e, pola outra banda, reformar a política leiteira da UE para que “siga a haber un control da produción a partir do 2015 e unha adecuación da oferta á demanda”. O SLG ve necesario “dar marcha atrás” na última reforma que promovía o aumento da produción “para entregarlle o leite máis barato ás multinacionais da distribución e ás industrias”. A sindicalista subliña que para os gandeiros deixar de entregar o leite é “unha decisión de moito calado, xa que nestes momentos precisan toda a materia prima da que dispoñen para subsistir”. Por esta razón, Freire considera que as distintas administracións terían que reaccionar”. “Teñen que poñerse á fronte e deixar de pedir paciencia”, afirma.
As protestas expóñense como unha medida de presión ante a próxima reunión extraordinaria que manterán os Ministros de Agricultura da UE o próximo 5 de outubro para estabelecer un calendario de actuacións ante a crise do mercado lácteo. “Terán que tomar medidas para sacar desta situación as explotacións leiteiras que están neste difícil momento por non querer pórlle coto ás multinacionais de distribución e ás industrias”, engade Freire.

dilluns, 31 d’agost del 2009

La Hipocresia ante todo (2009)

Partindo de que o ensino é un servizo e un dereito social fundamental, e que o seu acceso debera ser universal e gratuíto en todos os tramos educativos, resulta incomprensíbel a teimosía de seguir a manter con inxentes cantidades de recursos públicos negocios privados no eido do ensino, ou o que popularmente se coñece por colexios concertados.
Nestes centros, é moi frecuente, por non dicir maioritaria, a precariedade laboral do profesorado, as interpretacións sectarias da realidade, a negación de dereitos fundamentais do estudantado como o de folga ou reunión. O seu funcionamento, ao ser unha estrutura puramente empresarial, é completamente antidemocrático e verticalizado, convertendo ao profesorado en meros asalariados, ás nais e aos pais en clientes, e ao alumnado en receptor sen dereitos nin opinión. Os métodos pedagóxicos pivotan ás máis das veces nunha interpretación cuase totalitaria do auctor?tas docente, obviando a participación e inter-relación como elementos favorecedores da aprendizaxe, optando pola transmisión unidireccional de coñecementos e fuxindo de ensinar a pensar.
Pero alén desa valoración xeral, da que só cabe concluír que é necesario suprimir todos os concertos económicos coa privada e ampliar a oferta educativa pública (dotándoa de máis recursos), chama poderosamente a atención o indecente descaro do Partido Popular ao defender que se subvencione a centros privados que ademais de todo o anterior segregan as aulas por xéneros, ao puro estilo do franquismo. Rechamante resulta tamén que socialmente estes feitos non provoquen unha reacción máis airada, se cadra porque a cuestión afecta á igualdade entre xéneros, que pese a estar presuntamente asumida polo conxunto da sociedade, dista moito de estar completamente interiorizada como un principio irrenunciábel.
O asunto invoca cantidade de interrogantes. Cal é o valor pedagóxico da segregación por xénero? En que mellora a educación separando mozas de mozos? Que sucedería se no canto de segregar por xénero, se segregase por estrato social, por orientación sexual ou por confesión relixiosa? Que acontecería se as clases estivesen separadas por etnias e razas?
Non hai condición (neste caso a de clientes das/os nais/pais, nin a de empresa do colexio) que lexitime a vulneración de dereitos fundamentais como o de igualdade entre as persoas. En 1991 aboliuse a Lei de clasificación da poboación en función da raza, alicerce “legal” do apartheid sudafricano, porén, en pleno 2009 hai quen se atreve a defender o “dereito” (que dereito?) a segregar por xéneros as aulas. Quen dixo que as ideoloxías morreran? Aquí temos á dereita conservadora no seu esplendor máis reaccionario.
Se inadmisíbel é a segregación, intolerábel é que esta se financie a conta de fondos públicos, provenientes da achega impositiva de todas e de todos. Négome a que os meus impostos sirvan para viabilizar economicamente esa incomprensíbel fórmula de discriminación de xénero. Por iso só podo cualificar de vomitivas as declaracións de Núñez Feijóo defendendo os delirios neocon do empresariado do ensino.
E logo encheráselle a boca defendendo a igualdade entre mulleres e homes. ¡Hipócritas!

LOIBA,del Concello de Ortigueira (A Coruña)

Loiba é terra de tradicións e de personaxes curiosos,saïdes das máis profundas entranas do pobo-.É o caso do "Cego da Riera",que araba con tiraliñas con só ouvir unha voz dende a outra banda do terreo ó principia-la laboura-.Ou o do "Cego de Loiba",que animaba coas súas coplas festas,romerias e parrandas,facendo famosas aquelas de "Eu son o cego de Loiba/Todos me mandan cantar/E non hai un que me diga/Toma,cego pra fumar"-.Pero quizais o máis sorprendente fora "Benito da Culpa",aquel pobre "tonto" que durante toda a súa vida non deixou de escoita-la acusación de ter rachado a campá da Igrexa,e por mais que xuraba negándoo,no deixaron de llo repetir a cotío.
A Igrexa parroquial de Loiba,reconstruída neste século con gusto gótico sinxelo,dalle nome ó lugar onde se ergue,no que tamén se atopan a Casa Rectoral,antiga,e o Grupo Escolar que os loibeses custearon por subscripción popular sendo cura o lembrado Salvador Díaz Cora.
A costa de Loiba,onde os cantís de lousa reciben as constantes potadas do mar,ten dibuixada na súa parte baixa unha variada paisaxe de entrantes e saíntes na que se esconden covas chamadas "furnas"-.Só a presencia de pequenas praias suavizan a costa,impresionante no seu conxunto.
D´se na parroquia de Loiba que as súas campás soan o peculiar ritmo do "ten-quen-ten"
as pertenecen á capela de lugar montañoso de Soutomor.

De Galescola á galiña azul

*Un dos grandes logros dos nacionalistas no seu paso pola Xunta, as Galescolas, deixan de existir para pasar a ser “A galiña azul”. E é que o PP decidiu adoptar a imaxe dun conto do escritor Carlos Casares en símbolo do novo modelo de escolas infantís, unha fórmula coa que os conservadores tratan de facer desaparecer todo contacto das crianzas co galego.
*O BNG subliña que unha vez máis, o Goberno de Alberte Núñez Feixóo demostra que a súa liña de acción a nivel educativo é combater a lingua. Para trocar os carteis das Galescolas creadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar do bipartito, o PP non ten en conta a tan proclamada “austeridade económica”, xa que en dúas semanas se executará o cambio de rotulación de 110 centros. Así, os nacionalistas censuran que para abrir novas escolas para meniños e meniñas e para continuar co modelo de gratuidade universal de libros de texto impulsado polo bipartitonon hai diñeiro, pero para cambiar o rótulo e o nome das Galescolas e para subvencionar colexios que segregan nenos de nenas si hai fondos.
*O Grupo Parlamentar do BNG xa esixiu explicacións das “verdadeiras razóns” do cambio da denominación das Galescolas, ademais de denunciar que a Xunta non está a dotar de medios as escolas infantís que o bipartito deixou construídas.
“Aguia imperial franquista e gaivota do PP”
*O portavoz de Lingua do BNG, o deputado Bieito Lobeira, referiuse ao "insulto colectivo" que constitúe a substitución "ridícula" da denominación das escolas infantís, de Galescolas a "A galiña azul", unha iniciativa presentada por Xesús Vázquez e Beatriz Mato, dous conselleiros que considera "membros destacados pola súa aversión á lingua”. Para o deputado nacionalista, "a pretendida neutralidade" e "liberdade" que o PP quere vincular á eliminación da simboloxía non casa cos "criterios claramente ideolóxicos e políticos" da súa proposta, que Lobeira cualificou de "cruce híbrido entre a aguia imperial franquista e gaivota do PP". "O que o PP quere é eliminar calquera vestixio do paso do nacionalismo galego polo goberno deste país", engadiu.
*Na época do bipartito ofertáronse máis de 3.000 prazas en escolas infantís, cinco veces máis que as que había no 2005. En case tres anos e medio, os nacionalistas crearon máis do triplo de centros de ensino para crianzas que o PP en 16 anos de Goberno.
*Ao respecto do uso da lingua no ensino infantil, os nacionalistas destacaron que o marco legal actual "impide a posta en marcha do proxecto do PP, que significaría modificar a Lei de Normalización Lingüística, que de forma taxativa prohibe a segregación. Os nenos galegofalantes non poden ser tratados como apestados". Tamén remarcaron que "altos cargos do PP apareceron en manifestacións en que si se falaba de segregación, e financian campañas de colectivos que a apoian", e tamén "falan de adoutrinamento, pero no espazo educativo de 0 a 3 anos ven necesaria a presenza da relixión".

dissabte, 29 d’agost del 2009

Moncho Reboiras.vitima do Franquismo

Trinta e catro anos despois de ser asasinado a tiros pola policía franquista, a familia do militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras recibiu do Estado español o documento de “reparación e recoñecemento persoal”, certificado que acredita a “persecución e violencia” á que Reboiras foi sometido na súa “defensa do movemento sindical e da súa militancia nacionalista”.

“Que perdure nas novas xeracións o seu soño vermello, azul e branco”. Estas foron as verbas que pronunciou o irmán de Moncho Reboiras, que agradeceu o recoñecemento. E é que o dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) –partido integrado no BNG– segue a ser 34 anos despois do seu pasamento unha “guía azul e branca cunha estrela de cinco puntos na lonxanía, a bandeira da súa Patria”.
O Delegado do Goberno español na Galiza, Antón Louro, en representación do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, foi o encargado de facerlle entrega da Declaración de Reparación e recoñecemento persoal á familia de Reboiras, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica. No seu discurso, o delegado do Executivo español asegurou que o recoñecemento é a “reafirmación de conviccións profundas asentadas na democracia e na liberdade que orientaron o compromiso de Moncho Reboiras”.
Tras a entrega do certificado ao irmán de Moncho Reboiras, a escritora Saleta Goi, viúva de Manuel María, leu o poema homenaxe do poeta lucense ao líder da UPG. “Ti es a pedra mestra para edificar a nosa casa. Puideron segarche a vida, ¡ouh, Moncho, meu irmao!, asesinarte. O que eles non puideron, nin poderán endexamais, é arrincar, esmagar a semente que deixaches esparexida no corazón do pobo”.
Como cada ano, a UPG celebrou o acto de homenaxe ao seu militante. Neste 34 aniversario, o avogado e defensor dos presos da UPG en 1975, Nemesio Barxa, recordou os feitos ocorridos o día do asasinato e asegurou que é un día de “alegría para a memoria de Moncho Reboiras e para o nacionalismo militante”, porque con este recoñecemento “se nos recoñece a nós tamén”.
Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Xesús Seixo, explicou que o acto é tamén un modo de “render homenaxe a unha forma de facer política”. Nun repaso polo sistema económico actual, Seixo destacou que entre o ano 1975 e o actual existen “similitudes”. “Seguimos estando gobernados por unha dereita fortemente reaccionaria e antigalega”, sentenciou. O nacionalismo debe “esixir e loitar por cambios no modelo económico”, reivindicou.
No acto, celebrado en Ferrol tamén interveu o secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, quen sinalou que este recoñecemento “non deixa de ser o froito da perseveranza e de non negarnos a nós mesmos”. “Neste esforzo por recuperar a identidade estase recoñecendo unha práctica política”, agregou Rodríguez nunha concentración na que á que se puxo punto final co canto do Himno de Galiza.
O soño vermello, azul e branco
Nado o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, Dodro, no seo dunha familia popular, Reboiras medrou a cabalo entre o agro e o mar. En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, marchou cos pais e o seu irmán a Vigo, a onde lle chegaron as noticias das loitas populares, como a de Castrelo de Miño, no 1965. A conciencia nacional e de clase ía crecendo cada día e no 1969 integrouse na UPG. En paralelo, estudou na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e comezou a súa vida laboral en Barreras, onde coñeceu de perto a realidade laboral e a explotación de clase. Polo seu compromiso coas mobilizacións Reboiras foi expulsado da empresa. A loita sindical de Moncho cristalizou na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975, antecesor da CIG.
Daquela, tras decidir a UPG profundizar en formas de loita máis avanzadas, Reboiras participou da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da expropiación de material para dotar de infraestrutura o nacionalismo na altura, de cara a súa acción política, achegando medios necesarios dos que carecía o aparello de propaganda organización.
O réxime sabía das accións do grupo e na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras, xunto a dous camaradas, na Rúa da Terra en Ferrol. Para deixar paso libre os seus dous camaradas, que finalmente lograron fuxir, Reboiras centrou nel a atención das forzas represivas. Ao pé do portal, o militante nacionalista era asasinado a tiros.
Moncho Reboiras fica na memoria dos nacionalistas como exemplo modélico de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza

diumenge, 2 d’agost del 2009

O BNG volverà gobernar Galiza

Guillerme Vázquez estreouse como portavoz nacional do BNG no Día da Patria Galega cunha mensaxe cargada de optimismo e cun chamamento á unidade da formación frontista. “Aquí estamos os que non renunciamos, nin renunciaremos xamais á Patria Galega”, afirmou perante milleiros de militantes e simpatizantes –uns 20.000 segundo a organización– que, entre bandeiras e faixas, responderon á chamada de “Movámonos polo galego e polo emprego”. Nas súas primeiras verbas como líder nacionalista na Praza da Quintana, Vázquez admitiu que “ás veces podemos sentir certo desalento”. Porén, asegurou que o BNG foi quen de superar “con éxito” a “perda” da Xunta. “Eliximos reaccionar e non nos lamentar”, engadiu. “Co marcador a cero, aprendendo do pasado, pero sen quedar atados a el”, o portavoz do BNG animou os simpatizantes a integrase nas filas da organización. “Todos cabemos neste proxecto común e vós sodes os únicos imprescindíbeis”, sentenciou.
O manifesto imprimiulles folgos e ilusión aos milleiros de persoas que respondían con aplausos e consignas cada frase de Vázquez, que expresou con optimismo a súa confianza nas posibilidades futuras do BNG. “Se fomos capaces de sobrevivir e vencer o PP de Fraga, sobreviviremos e venceremos o PP de Núñez Feixóo”. O BNG “volverá gobernar Galiza”, sentenciou.

As críticas ao novo Goberno do PP centraron boa parte da intervención do líder do BNG. Así, Vázquez denunciou as “desapiadadas agresións” da Xunta “á identidade” de Galiza. “O noso idioma sofre un ataque sen precedentes. Nesta liña, acusou a Alberte Núñez Feixóo de seguir unha política que aspira a “impoñer” o castelán “como único idioma”. “Que non se enganen, non o conseguirán”, advertiu. O portavoz nacional do BNG lembroulles aos conservadores que os galegos lles deron a súa confianza “para algo máis que para facer enquisiñas sobre o galego ou botar abaixo un concurso eólico e favorecer os seus amigos”.

A crise económica tamén estivo presente no manifesto do BNG, que se solidarizou co conflito do metal, cos traballadores de Caramelo, de Treves, de Pascual e dos produtores leiteiros. Ao tempo, Vázquez lamentou que a Xunta “non defenda os intereses de Galiza”.

Como alternativa á política do PP, o nacionalista propuxo un “Estatuto de Nación, un Estatuto de primeira”. Chegado a este punto, Vázquez acusou os socialistas de “argallar”, xunto co PPdeG, “unha reforma que consolide o noso país na segunda división”. “Pois que saiban que para ese fin non van contar co BNG”, berrou. Neste marco, rexeitou o neoliberalismo e defendeu “outro modelo económico e político, onde se respecte o libre dereito dos pobos a decidiren o seu destino”. Vázquez alentou o nacionalismo a traballar arreo a prol de Galiza tirando dos versos de Manuel María, “Berrade, erguédevos, loitade, deica que, todos xuntos, academos a liberación nacional da Nosa Patria!”.

A lectura do manifesto puxo o punto final á manifestación convocada cada ano polo BNG para celebrar o Día da Patria. Teresa Táboas, coordinadora executiva da formación, foi a encargada de presentar o acto da Praza da Quintana, para darlle paso a continuación a Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova. A responsábel da organización xuvenil alertou a mocidade das “falcatruadas” de Feixóo e pediu “esforzo e movemento” para que Galiza non perda “os seus sinais de identitarios”.


“Veñen contarnos, pero non poden porque somos miles e miles”

A manifestación, que saíu o domingo pasadas as 12.00 horas da Alameda de Santiago, transcorreu tinguindo de azul, branco e vermello as rúas compostelás. Á fronte da faixa principal situouse a Executiva en pleno da formación. Tamén fixeron acto de presenza os distintos cargos institucionais, os membros do Consello Nacional e mais os ex portavoces Anxo Quintana e Xosé Manuel Beiras. Ademais, arrouparon ao BNG representantes de CDC, de UDC e de ERC, como Oriol Junqueras, do PNV, como o senador Iñaki Anasagasti, que subliñou a “boa relación” do BNG co seu partido, e representantes de EA, Nafarroa Bai e Aralar, entre outras organizacións internacionais.
A anécdota da xornada tivo lugar cando un helicóptero da Policía sobrevoou a pouca altura varias veces a Praza da Quintana mentres Guillerme Vázquez lía o seu discurso. Logo de facerse un silencio, os manifestantes asubiáronlles ás forzas de seguridade, mentres que o líder nacionalista ironizou, “veñen contarnos, pero non poden porque somos miles e miles”.