diumenge, 28 de febrer del 2010

O Goberno Central contra la Lei de Caixas impulsada polo BENG

O Goberno central decidiu onte suspender ás 13h00 a reunión convocada para ás 18h00 cos representantes da Xunta de Galiza para negociar a Lei de Caixas impulsada polo BNG e aprobada no Parlamento galego cos votos favorábeis dos nacionalistas e do PP.
Despois de que Madrid interpuxese un recurso contra a lei, admitido a trámite polo Tribunal Constitucional, os responsábeis do Goberno galego e do español sentaron en varias ocasións para limar os puntos de desencontro. Todo apuntaba a un achegamento de posturas logo de que esta semana, Xunta e Executivo central acordasen modificar seis dos nove puntos en conflito.
Así, os cambios máis significativos foron os referidos ao rexistro de altos cargos, entidades representativas de intereses colectivos e ao sistema institucional de protección (SIP) e resolvéronse propoñendo a mesma redacción que consta nas lei de caixas de Catalunya, Madrid e Andalucía, respectivamente. Porén, as dúas administracións seguían sen acadar un entendemento no que respecta ás situacións de déficit patrimonial, xa que o Estado non acepta a proposta da Xunta, que consiste en facer referencia á repartición competencial que deriva da normativa vixente.
Tampouco chegaron a un acordo sobre a maioría necesaria para autorizar unha fusión das caixas galegas nin sobre a representación de intereses colectivos no consello de administración. O orzamento da obra social e a renovación dos representantes dos empregados foron outros dos factores en conflito. O desencontro na negociación das dúas administración tivo lugar onte. Nunha rolda de prensa, o conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, manifestou o seu “estupor, indignación e sensación de comprobar o grao máximo de deslealdade” do Executivo español da Xunta coa suspensión da reunión prevista para a tarde.
Segundo o responsábel do Goberno de Feixóo, o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, chamou “para dicir literalmente que ou a reunión servía para que a delegación da Xunta asinase a lei andaluza de caixas ou o mellor era que non fósemos á xuntanza porque non íamos acadar ningún acordo”.
Para cando o recurso ao FROB?
Tras o desplante de Madrid á Xunta, as reaccións non se fixeron esperar. O BNG, impulsor da Lei de Caixas de Galiza no Parlamento, pediulle ao Goberno galego que se faga respectar. Para o líder nacionalista, Guillerme Vázquez, as negociación co Estado “nunca deberon ter lugar e agora a única saída posíbel é que o Goberno central ceda”. Vázquez instou unha vez máis a presentar un recurso de inconstitucionalidade contra o FROB pola actitude “prepotente” do Goberno de Zapatero. “O Executivo central só retirará o recurso contra a Lei de Caixas se ve que lle ten un custe político”, sinalou o portavoz do BNG.
Os nacionalistas agardan que as negociacións entre o Estado e Galiza “non se traten dun paripé para chegar a un acordo entre eles dous”, xa que en ningún caso aceptará unha modificación substancial desta lei que recolle a vontade do Parlamento para que a decisión das caixas galegas fique no país e non en Madrid.
Agora queda esperar a próxima e parece que definitiva reunión entre a Xunta e o Goberno central. Zarrías asegurou onte que a vindeira xuntanza cos representantes galegos será a derradeira para conseguir que a Lei de Caixas “volva á legalidade”, xa que cree que outro encontro máis –tras “20 horas de negociación”– sería “contraproducente”.

dimecres, 24 de febrer del 2010

A polèmica sobre o cobro indebido de quilometratxe

A polémica sobre o cobro indebido da quilometraxe no Parlamento ameaza o futuro do número 3 dos populares galegos. Hai uns días, saltaban á prensa as supostas irregularidades no cobro das dietas do que é o deputado e portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda.

A parlamentar socialista María Quintas deu a voz de alarma ao acusar o popular de incorrer en desaxustes económicos. Segundo os datos do PSdeG, Rodríguez Miranda percibiu do Parlamento de Galiza 26.000 euros en concepto de desprazamentos cando ía no coche oficial do vicepresidente do Parlamento, Xosé Manuel Baltar Blanco. A socialista asegurou que estes traslados desde Ourense a Santiago por parte do portavoz do PPdeG tamén se realizaron no coche oficial de Baltar até hai pouco.

E é que segundo o PSdeG, deixaron de viaxar xuntos cando comezou á campaña á Presidencia do PP de Ourense. Fontes socialistas recoñeceron que a filtración lles chegou do ámbito do propio Baltar. O vicepresidente do Parlamento admitiu ter levado a Miranda algunha vez no coche. As relacións entre os dous deterioráronse despois de que o número 3 do partido abandonase o “baltarismo” e se sumase, ao igual que Feixóo, á lista do rival de Baltar, Xoán Manuel Ximénez Morán. Miranda mesmo chegou a tomar parte por Morán na propia campaña electoral á Presidencia de Ourense, que contou cun despregue pouco común para tratarse dunhas eleccións internas e nunha mesma provincia. Nun primeiro momento, o maior defensor da “austeridade” do Goberno do PP negou ter cobrado ningunha dieta e mesmo cualificou o asunto de “anecdótico”.

Porén, nos últimos días Rodríguez Miranda mostrouse disposto a devolver os cartos se llo pide o Parlamento. A defensa do popular pasa por salientar que el só se beneficiou dun cobro “automaticamente”, produto dunhas normas que todos os grupos políticos apostan por facer máis transparentes. E é que os deputados non teñen que asinar a diario os seus desprazamentos pagados. Cobran automaticamente cando os servizos da Cámara pasan lista. Cadaquén recibe os cartos en función dos quilómetros de distancia a Santiago que se declarara ao principio da lexislatura. As normas do Parlamento só permiten cobrar a quilometraxe, estipulada en 0,25 euros por quilómetro, no caso de utilizar coche propio. É dicir, os políticos non teñen dereito a estas dietas cando empregan automóbil oficial, como aconteceu no caso de Miranda. No Consello da Xunta celebrado onte, Alberte Núñez Feixóo, tachou de “disfunción” a polémica de Miranda. O presidente da Xunta sabía que debería responder as cuestións da prensa sobre o acontecido co número 3 do seu partido.

Por iso falou armado de datos, extraidos da nota de prensa lanzada pola presidenta da Cámara, a tamén conservadora Pilar Rojo, que defende a honorabilidade dos políticos. Así Feixóo insistiu que este ano a Cámara reduciu o seu orzamento nun millón de euros. O Parlamento tamén se pronunciou sobre as informacións que vinculan algúns deputados co cobro ilícito da quilometraxe. “Calquera feito irregular que poda ter sucedido se investigará, pero non por iso debe ser visto como un comportamento xeneralizado”, argumenta o comunicado oficial. A institución criticou as novas que “transmiten unha visión distorsionada do labor parlamentar”.

dissabte, 13 de febrer del 2010

Unha Axenda Galega na Unió Europea

A primeira reunión entre o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, tratou a necesidade de que a Presidencia española na UE inclúa “unha axenda galega” e a demanda ao Goberno central de que retire o recurso de inconstitucionalidade, así como a análise da crise económica. O encontro, cualificado polo nacionalista de “agradábel e distendida”, prolongouse na tarde do luns 8 de febreiro máis de dúas horas.
Guillerme Vázquez tratou con Zapatero a crise política aberta polo Goberno español con Galiza ao ter presentado a pasada semana un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas. “Nesta lei o BNG tivo moito a ver. Agora atopámonos cun recurso inxustificado por parte do Goberno. Un recurso que só busca impedir a fusión galega e iso inevitabelmente se traduciría na deslocalización das nosas caixas, a que perdésemos os centros de decisión”, afirmou o líder do BNG logo da súa primeira xuntanza con Zapatero.
O recurso provocou a discrepancia entre os dous líderes políticos. “O presidente afirma que é un recurso técnico. Eu díxenlle que na miña opinión é un recurso político. Para nós, a lei é plenamente constitucional e ten contidos idénticos a outras leis que non foron recorridas”, alegou o portavoz nacional. ??Sobre unha eventual negociación do contido da lei, afirmou que “negociar as leis é un pouco complicado”. “Os parlamentos autonómicos teñen dereito a elaborar leis. A partir de aí estas son constitucionais ou non. Nós cremos que esta o é. E non vexo ben que é o que hai que negociar”, engadiu.
Vázquez enfatizou, se a intención do PSOE e o PP é “negociar o reparto do poder” na entidade resultante da fusión “o BNG aí non vai entrar”. “Nós non estamos por un reparto do poder, estamos por que a lei poña as caixas ao servizo da economía produtiva de Galiza. Temos tanto dereito como os cataláns, os vascos, os andaluces ou os madrileños”, resaltou. Pediu que “impere a razón” e que “poida haber caixas ao servizo de Galiza, como as hai ao servizo de Catalunya, Euskadi e Andalucía”.

dissabte, 6 de febrer del 2010

Os trens Media Distancia (2010)

Os convois rexionais que atravesaban o país de norte a sur deron paso nos últimos meses a modernas máquinas de última xeración, os trens Media Distancia (MD), que dispoñen de 182 asentos, prazas para persoas de mobilidade reducida e que acadan até 160 quilómetros por hora. A innovación introduciuse nos vagóns á vez que se reduciu a presenza do galego. Malia que o español, o galego e o inglés son os idiomas nos que Renfe emite os sinais acústicos, o español é a única lingua na que fican escritos os cartaces informativos en cada un dos vagóns.

O uso parcial do galego tamén se fai patente nas estacións, onde cada vez é máis habitual a súa exclusión, e na páxina web, onde se atopa relegado a un segundo plano da interface. Amais, o español segue a impoñerse no servizo telefónico de atención ao cliente. Nalgunhas ocasións, os teleoperadores chegan a solicitarlles aos galegofalantes que empreguen o castelán “ao non comprendelos ben”. E iso que a Carta Europea das Linguas Minoritarias recolle a obriga de empregar o galego no sector público. O propio Consello de Europa advertiu nun informe publicado no 2008 que “non se realizaron actividades para promover” o seu uso “no servizo de ferrocarrís (Renfe e Adif)”. “Nestas compañías, o galego utilízase nalgunhas ocasións en documentos oficiais. Con todo, existe unha escasa dotación de persoal galegofalante que poida prestar servizos nesta lingua”, conclúe.


“Somos moi exquisitos”, di Renfe

Renfe nega a redución da presenza do galego e sinala que a lexislación obriga a que “todo tipo de información a bordo dos trens estea en galego e español”. “No tema lingüístico somos moi exquisitos”, aseguran fontes da compañía. “Pode haber coches nos que os carteis sexan só en español, pero no seguinte coche é seguro que estarán redactados en galego, xa que é de obrigado cumprimento”. Porén, todos os vagóns dos trens que vén de incorporar Renfe á rede ferroviaria da Galiza dispoñen só da cartelaría informativa en español, agás no caso dos horarios.

O incumprimento da normativa lingüística en Renfe ten chegado en varias ocasións ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento galego da man do BNG, que logrou o compromiso de José Luís Zapatero coa normalización da lingua en Renfe. “Defendemos en Madrid que se cumpran os dereitos dos galegos de ter a información no noso idioma”, apunta a deputada Olaia Fernández Davila. O BNG ve na nova redución do galego en Renfe “a evidencia de que cómpre estar enriba desta cuestión, xa que frecuentemente deturpan os topónimos e esquecen a presenza do noso idioma en xestións como a compra de billetes na rede”.

Todos os adiantos en materia lingüística ao redor do servizo de ferrocarrís son froito da presión social, das queixas dos cidadáns a nivel individual e da Mesa pola Normalización Lingüística, que ten emprendido campañas para reclamar o incremento do galego na atención ao cliente, nas estacións e nos trens. “Os galegofalantes temos máis dereitos lingüísticos na Fnac que en Renfe”, ironiza o presidente da asociación, Carlos Callón, que denuncia que Renfe cumpre a lei en función do territorio. “Emprega diferentes varas de medir en Catalunya que en Galiza, onde non cumpre cos compromisos adquiridos”.