diumenge, 20 de desembre del 2009

Audi e o iate,claves da victoria do PPdeG

A lingua non foi a causa da vitoria do PPdeG nas eleccións galegas do pasado 1 de marzo. Así o asegurou esta mañá nunha conferencia o catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Fermín Bouza, que advertiu de que no caso dos comicios de Galiza o papel dos medios de comunicación foi decisivo.
Durante as xornadas Ecolingua –organizadas polo IGEA–, Bouza debullou a socioloxía electoral da lingua durante os comicios galegos do 1 de marzo. O estudoso subliñou ao longo da súa intervención que o idioma non foi determinante nos resultados. “Chama a atención a importancia que lle deu o PP á lingua”, sinalou.
 Despois de afirmar que se deu un movemento de voto moi pouco significativo durante as eleccións que lle serviu ao PP para ocupar a Xunta, o analista asegurou que o bipartito perdeu “por mor da parte máis de esquerdas do seu electorado”. “A infidelidade da esquerda tomou parte na abstención que provocou a perda de votos”.
Campaña “sucia”
Para o sociólogo, as claves dos resultados das eleccións tiveron relación “co tema máis sucio da campaña: o Audi e o iate: dous disparates sen sentido que foron colocados no intre oportuno”. Nesta liña, destacou que “aínda que normalmente os medios de comunicación non son decisivos nos resultados dunhas eleccións, no caso galego si o foron”. Fermín Bouza identifica a compra do coche do ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da conversa do vicepresidente Anxo Quintana ao bordo dun iate cun empresario coa abstención do voto máis da esquerda do PSdeG e do BNG. “Estes dous feitos lograron desmobilizar parte do electorado, que dubidou acerca de que facer até días antes das eleccións ou até o mesmo 1 de marzo”, engadiu.
O relatorio do catedrático en Socioloxía tamén aludiu ás características do electorado dos grupos políticos. Neste senso, subliñou que o PPdeG abrangue un electorado “popular, básico, cun nivel de estudos baixo e co maior nivel de galegofalantes iniciais”. Sobre UpyD –da que dixo que “tivo certo éxito” co tema lingüístico “sobre todo fóra de Galiza”– destacou que integra nas súas filas “parte das elites universitarias”.
Fermín Bouza –que asegurou non coñecer o motivo que levou o PP a facer da lingua o eixo da súa acción política– sinalou que o idioma “non debe ser o un tema político, pero Feixóo converteuno en político unha vez que gañou as eleccións.
“Mentres siga sen haber consenso ao redor da lingua, o idioma seguirá a ser un asunto político”, agregou.
O sociólogo subliñou na súa intervención que cada vez son máis os críticos e os analistas que tratan o asunto lingüístico dunha perspectiva máis “irracional”. “A lingua failles perder a cabeza aos críticos. Agora é moi difícil falar do idioma en Madrid porque nos ven como unha banda de inquisidores”.
Neste sentido, Fermín Bouza referiuse ao tratamento que os medios de comunicación de fóra de Galiza lle deron á manifestación en defensa da lingua do 18 de outubro convocada por Queremos Galego. “A reacción en Madrid da exitosa convocatoria do 18-O foi unánime. Chamáronnos fanáticos, anticonstitucionais... dixeron que nos manifestabamos para prohibir o castelán e mesmo lle chamaron masón ao ministro de Xustiza, Francisco Caamaño”, advertiu.
O catedrático fixo fincapé en que “non só medios de comunicación como Intereconomía adoptaron esta postura, tamén a SER –que habitualmente escoito– aludiu a un suposto fanatismo lingüístico

dimarts, 15 de desembre del 2009

Santiago Apóstol i la Diada de Galícia (2010)

ANO JACOBEO
Na véspera do Día da Patria, o PPdeG homenaxeou a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres cun discurso no que non faltaron alusións á lingua. Así, presumiu do “galeguismo amábel” e atacou entre liñas os nacionalistas, supostos defensores dun “galeguismo esquivo”, segundo os conservadores. O líder popular en Galiza
declarou que “son os galegos os que deben decidir como queren expresarse, non os políticos”. Como alternativa, o presidente da Xunta defendeu que o seu partido encarna “ese galeguismo anónimo, valente, continuo, que vive cómodo no bilingüismo cordial que sempre estivo instalado en Galiza”.
Mentres Feixóo facía gala dun suposto “bilingüismo cordial”, o BNG presentaba unha iniciativa no Parlamento na que denunciaba un novo caso de discriminación lingüística contra o galego. Trátase do caso dunha moza que se presentou a unhas probas de selección para unha tenda de deportes e que polo feito de expresarse en galego foi rexeitada pola responsábel da entrevista coa seguinte resposta, “como veo que no sabes hablar español, no me interesa. Gracias”.
Segundo a afectada, nin sequera tivo opción de explicar o dominio que posúe en varios idiomas, español incluído. Este non é un caso illado en Galiza, xa que son numerosas as persoas que sofren presións nos seus postos de traballo para que non empreguen o galego. E é que malia o “galeguismo amábel” do que presume Feixóo, gran parte do empresariado pensa que o galego é unha lingua inútil para a súa actividade.
Ante situacións como a que vén de dar a coñecer o BNG, os nacionalistas consideran “indispensábel que a Administración interveña para defender os dereitos democráticos, lingüísticos neste caso, dos traballadores e traballadoras”. En concreto, o Bloque demándalle á Xunta de Galiza que informe das medidas que vai poñer en marcha para garantir o dereito dos traballadores e traballadoras ao uso da lingua galega no posto de traballo, ou para acceder a el.

Co PP no Goberno,os d´´ebiles importan menos

Xema –nome figurado– é vítima da violencia de xénero, vense de separar da parella e ten dous fillos, unha con parálise cerebral. Despois de buscar apoio en diferentes colexios de avogados, deu coas oficinas de Igualdade e Benestar (I+B), onde atopou o asesoramento xurídico que precisaba.
Cada mes ponse en contacto co departamento das Pontes para pedirlle axuda á profesional de Igualdade. “Como non se pode desprazar para non deixar a nena soa, vou onde ela a Cabanas e axúdoa en todos os trámites, porque no mundo xudicial está perdida”, explica a avogada que a atende. “Di que son a única que a escoita e agora, co desmantelamento das oficinas, Xema, como tantas outras vítimas da violencia de xénero, volverá quedar soa”, engade. Casos como o desta muller eran atendidos polo que foi o instrumento estrela da política de servizos sociais da Vicepresidencia durante o Goberno bipartito, as oficinas I+B.
Ademais de abranguer os problemas de diversos colectivos –mulleres maltratadas, familias, terceira idade, xuventude, nenos, excluídos sociais...– estenderon aos concellos do rural as prestacións en axuda social das que xa dispuñan as grandes vilas. As 18 oficinas que empregan 104 profesionais traballan en plena coordinación con 294 concellos –a práctica totalidade, agás as vilas de maior tamaño e as cidades. Con todo, a Xunta de Galiza eliminou dos orzamentos do 2010 as partidas específicas destes departamentos, polo que a súa continuidade fica en dúbida.
Durante o último mes, os traballadores de I+B mobilizáronse contra o desmantelamento das oficinas. O xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez, comunicoulles aos representantes sindicais o despedimento de 61 profesionais que atenden igualdade, familia e menores por “falta de orzamentos”. “Non sabemos que vai pasar con nós”, sinala Lucía Sánchez, unha das traballadoras das oficinas. A CIG uniuse á denuncia da “primeira medida contundente e cruel dunha Administración que desartella un servizo que non vai ser substituído”.
“Enchufismo” do BNG
A comunicación de Rodríguez aos representantes dos profesionais produciuse días despois das declaracións da secretaria xeral de Benestar, Susana López Abella, que cualificou as oficinas de “axencias de colocación do BNG”. Con todo, moitos dos afectados foron contratados co PP na Xunta e todos superaron un concurso público. Así o proban as sucesivas convocatorias no DOG e a propia páxina web do Consorcio. Os traballadores –que iniciaron accións legais por difamación– ven nas acusacións de “enchufismo” a xustificación da supresión destes postos laborais. O Goberno de Feixóo remite agora a continuidade das oficinas I+B á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O plan do PP avoga por que sexan os municipios os que xestionen estes servizos. De manter esta postura a Xunta, os concellos máis pequenos veríanse na obriga de desatender os programas pola falta de recursos.
Igualdade, a esquecida
Igualdade é, segundo os propios profesionais das oficinas, a grande esquecida do Goberno de Feixóo. “Desde marzo deixamos de existir para a Xunta” censura unha das traballadoras. Co desmantelamento das oficinas desaparecerán servizos como a educación familiar, os obradoiros de igualdade para nenos, pais e docentes, o asesoramento xurídico para parellas en trámites de separación ou para mulleres maltratadas, o apoio ás vítimas da violencia de xénero ou as charlas e actividades para a muller. Os profesionais das oficinas cuestionan a nova aposta da Xunta, que co gallo do Día contra a Violencia de Xénero estreou unha campaña publicitaria para previr o maltrato.
“Prefiren gastar en valados e en anuncios que en manter o traballo pola prevención da violencia desde as aulas”, denuncia unha afectada. E é que un dos programas pioneiros da área de Igualdade centrouse na prevención dos malos tratos, na historia non contada das mulleres e na conciliación e corresponsabilidade desde o ensino. As contas públicas do 2010 tamén deixan sen recursos os programas de formación en igualdade para persoal sanitario, para deportistas ou para os axentes das forzas de seguridade e as guías comarcais sobre a actuación ante a violencia de xénero. O recorte tamén lles afecta ás actividades destinadas ás asociacións de mulleres –como os obradoiros de risa, de educación para a saúde ou de habilidades de comunicación e as conferencias. Nesta liña, unha das especialistas de I+B apunta á externalización deste servizo.
“Curiosamente, desde a chegada do PP á Xunta, unha empresa privada comezou a impartir para o Goberno obradoiros moi semellantes aos que viñamos ofrecendo nós”, advirte. Carme Adán, deputada nacionalista e ex secretaria xeral de Igualdade, láiase da “perda de valor” que sofre o servizo desde que o PP accedeu á Xunta. “Trátase dun modelo de optimización de recursos moi avanzado que actúa onde máis se necesita, no rural”, apunta. O BNG ten levado ao Parlamento a situación das oficinas e dos traballadores de I+B, pero as mocións non contaron co apoio nin do PP nin do PSdeG.

dilluns, 7 de desembre del 2009

O sinal de TVG no chega aos televisors de Eo-Navia

Desde hai tres semanas, o sinal da TVG non chega aos televisores do Eo-Navia. O mesmo podería acontecer co apagamento analóxico dentro dun mes no Bierzo e en marzo do 2010 nas Portelas. Neste contexto, colectivos como Abertal ou Fala Ceibe amosan a súa preocupación e reclaman un acordo entre os respectivos Gobernos para que a Galega chegue por TDT.
Tamén o BNG e o Partido do Bierzo (PB) adiantan iniciativas a prol do sinal da TVG a estas zonas. Coa chegada da Televisión Dixital Terrestre (TDT), as áreas estremeiras ficarán sen a Galega. A Xunta de Galiza xa se amosou aberta á darlle continuidade ao sinal, pero só estendería a TVG “de acordo coa colaboración” dos respectivos Gobernos autonómicos. O pasado 23 de novembro, as Cortes de Castilla y León rexeitaron unha proposición non de lei do PSOE para darlle continuidade á recepción do sinal da TVG no novo formato dixital no Bierzo. A medida do deputado Pedro Nieto –na que se instaba a Junta a acordar un convenio de colaboración coa Xunta de Galiza– foi desbotada polo Grupo Parlamentario do PP.
Deste xeito, a partir do 31 de decembro, os bercianos non poderán ver o Luar –un dos programas de máis audiencia na comarca estremeira– nin o Xabarín Club –que chegou a contar con 1.200 socios da zona.
O PP castelán-leonés alegou que a lexislación estatal da televisión dixital impide a emisión e a recepción das televisión autonómicas fóra do ámbito das autonomías. Con todo, hoxe en día algunhas televisións dixitais emiten o sinal fóra do seu territorio. A televisión catalá vese en Aragón e en Valencia, a televisións vasca recíbese en Navarra e a televisión andaluza chega a Ceuta e mais en Melilla.
Defensa do PB e de Fala Ceive
Iván Alonso, secretario xeral do Partido do Bierzo (PB), critica que “o PP defende que as fronteiras non deben existir e o primeiro que fan é pór unha fronteira para que non se vexa na comarca a TVG, que pasou a formar parte do sinal de identidade e da cultura dos bercianos”. “A aceptación da Galega no Bierzo é indiscutíbel”, asegura Alonso. De aí que o Partido do Bierzo vaia pedirlle axuda ao Consello Comarcal do Bierzo para intentar que a Xunta de Galiza e a Junta de Castilla y León cheguen a un acordo.
O colectivo Fala Ceive –que defende o sinal da TVG no Bierzo e nas Portelas– dirixiuse aos partidos do Congreso dos Deputados para reclamarlles unha solución. “Tamén estamos á espera do que se debata a iniciativa do BNG no Parlamento galego e estudamos acudir ao Parlamento Europeo”, explica Xabier Lago. Fala Ceive tamén prevé contactar co Valedor do Pobo en Galiza e co Defensor del Pueblo no Estado español para que cumpran co dereito da veciñanza. “Estamos a recibir numerosos correos nos que os bercianos piden a continuidade da TVG”, explica Lago, que tamén pedirá que interceda o Consello Comarcal do Bierzo.
Eo-Navia, sen TVG desde hai tres semanas
O apagamento analóxico xa chegou ao Eo-Navia, segundo asegura Carlos Varela, da asociación Abertal. “Desde hai tres semanas non podemos ver a TVG”, sinala. Ante o anuncio da Xunta de garantir a continuidade da Galega co apagamento analóxico, a Secretaría Xeral do Principado –que ve unha “inxerencia” na postura de Feixóo– respondeulle ao Executivo galego que “as competencias entre Asturias e Galiza rematan nos límites exactos dos territorios”.
“Aquí o PP está a favor de manter a TVG no Eo-Navia, o PSOE non se pronunciou e Izquierda Unida é o grupo máis belixerante, está completamente en contra”, apunta Varela. Segundo Abertal –que estuda emprender iniciativas para recuperar o sinal da TVG– “todos os habitantes do Eo-Navia queren a Galega”. A meirande parte dos alcaldes dos concellos do Eo-Navia apoian a continuidade do sinal da Galega no territorio e ven a iniciativa “enriquecedora”. Só a alcaldesa do Franco o considera “unha intromisión”.
O BNG leva o sinal da TVG nas zonas estremeiras ao Parlamento galego
O BNG, a través dos deputados Bieito Lobeira, Ana Luísa Bouza e Ana Pontón, presentaron no Parlamento unha pregunta oral para a súa resposta en Pleno e unha proposición non de lei para que a Xunta tome as medidas que posibiliten a recepción do sinal da TVG logo do apagamento analóxico no Bierzo, nas Portelas e no Eo-Navia.
Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dunha “televisión sen fronteiras”
O periodista e escritor Afonso Eiré, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, ou os ex presidentes da Generalitat Jordi Pujol e Pasqual Maragall son algúns dos representantes sociais e políticos que apoian unha Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso dos Deputados (ILP) para crear unha televisión sen fronteiras.
O proxecto de lei, de ámbito estatal, que promulga esta ILP ten por obxecto garantir a recepción directa das emisións de radio e televisión autonómicas realizadas totalmente ou maioritariamente nas linguas incluídas no ámbito de protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias nas outras comunidades autónomas coas que comparten lingua. A iniciativa –que xa foi aceptada a trámite– deberá recoller un mínimo de 500.000 firmas no Estado español nun máximo de nove meses.