dimarts, 12 de juny del 2012

O retorno de Ulises:o regreso de Cunqueiro

O retorno de Ulises:O regreso de Cunqueiro ás nosas letras é un verdadeiro retorno de Ulises á Ítaca do idioma natal, onde de aquí en diante desenvolverá boa parte da súa obra, anque sen abandonar a escrita en castelán que lle proporciona abundantes satisfaccións: sinaladamente con Las mocedades de Ulises (1960),

Un hombre que se parecía a Orestes (1969, polo que recibiu o premio Nadal) ou a deliciosamente cómica Vida y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca (1972). Na nosa lingua, a súa andaina inclúe varias novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas), libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...) e imcluso a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958).

A súa grandísima aportación ás nosas letras rápidamente será recoñecida cunha ringleira de homenaxes. Asi, ingresa na Real Academia Galega en 1961; desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as celebracións: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...

A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980), discutíbelmente, o mellor libro de poesía escrito en galego dende o tempo daqueles trobadores que homenaxeara de mozo; e quizaves, o mellor de toda a historia das nosas letras ata o día de hoxe.

Falabamos dun retorno de Ulises (un dos moitos proxectados poemarios de Cunqueiro que nunca chegou a realizarse, e do que dous poemas sobrevivirían en Herba aquí ou acolá). Mais pola contra, na literatura galega resulta a día de hoxe imposíbel falar dun retorno a Cunqueiro, con gallo de aniversarios e homenaxes, e isto é así porque nunca marchou. Os seus textos teñen a centralidade do canon e a beleza intemporal do clásico, e prometer alumear en moitos novos amenceres futuras primaveras e engadidos a nosa língua que resiste, e seguirá resistindo, os ataques, as fendas e as covardías daqueles incapaces de valorar o propio e de aprezar as xoias ocultas en cada verba da língua de Rosalía.

 Como derradeira mostra, uns versos de propio Álvaro Cunqueiro: Todo pende en que ún esteña morto /perguntando póla herba que nasce derriba/coma por un novo corpo máis levián/abaneado pólo vento/que trae e que leva a semente/Herba no monte ou nas rúas da cidade/aquí podían ser os pés dos vagabundos/que ún se soñara nús unha mañán de cedo/Cando vai de memoria á herba/por onde terreas pensativas azas/ caladamente te recomendan.

Froilan Franco,àlies El Mestre.Sitges