dimarts, 3 de juliol del 2012

Mensaxe de Benvida do Presidente de Xunta.


-Mensaxe de benvida do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo-

Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia Sacar o máximo proveito das posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías é unha das condicións para garantir o éxito de calquera estratexia que pretenda implantarse neste momento. Cantos temos a honra de formar parte do equipo encargado de dirixir a Xunta de Galicia no mandato que se inicia somos plenamente conscientes diso e, con ese obxectivo, temos intención de potenciar, en todas as súas posibilidades, o uso da internet.

Non é casualidade que, máis aló dos documentos oficiais que teño a honra e o deber de asinar, estas liñas sexan a primeira declaración escrita que redacto como presidente da Xunta.

Estou persuadido da importancia da rede como ferramenta de comunicación e quen non o entenda así estará abocado ao fracaso. Pero tamén quero aproveitar esta fiestra aberta ao mundo para reiterar o meu chamamento á totalidade da sociedade galega de xeito que, cada un desde as súas responsabilidades, traballemos conxuntamente para superar as dificultades nas que estamos inmersos.

Atravesamos unha etapa histórica complicada, especialmente no eido da economía; esta é a realidade e ocultala conduce a ningures. Honestidade e transparencia foron algúns dos valores que os meus maiores me inculcaron; esas máximas caracterizaron a miña traxectoria persoal e política, e seguirán rexendo a miña actuación, e a do meu goberno na Xunta de Galicia.

O enorme caudal de confianza depositado nas miñas costas reforza, aínda máis, a miña responsabilidade e acrecentará a miña entrega durante o mandado que veño de iniciar.

Son humano e, como tal, cometerei erros, polos que pido desculpas anticipadas, pero o que todos poden ter por seguro é que dedicarei cada minuto do día a traballar para mellorar as condicións de vida de todos e cada un dos fillos desta terra nobre e milenaria.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

.