dilluns, 9 de juliol del 2012

Os Séculos Escuros da Lingua Galega

-Os Séculos Escuros-


Se ben o galego (galego-portugués) tivera dende o século XII até a metade do XIV unha época de esplendor, do século XV ao XVIII viviu a súa decadencia.

No século XV

Isabel a Católica venceu a Xoana a Beltranexa, o que supuxo a posta en marcha da centralización castelá, que xunto coa destrución da sociedade debido ás Guerras Irmandiñas e a eliminación da nobreza contestataria, levaría á decadencia do galego.

Os Reis Católicos levan a cabo a centralización coa posta en man do poder político-militar, a Administración e o clero para os personaxes foráneos que continúan o labor castelanizador de Henrique de Trastámara. Estes personaxes non falan galego, e a Administración e o clero fan uso do castelán, co que se traerá o desprestixio do galego pasando a ser só de uso oral, privado e familiar.

Nos séculos XVI e XVII

Nestes séculos, aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios das linguas romances esixidos polo espírito Humanista. O galego non posuirá a súa primeira gramática até o século XIX. Outro factor que favoreceu a difusión das linguas romances foi a imprenta, mais no caso do galego, isto prexudicouno, pois as clases consumidoras e produtoras de cultura non falaban galego, quedando este relegado á xente iletrada e á fala.

A nobreza e o clero non son galegos, e o castelán abarca os notables laicos e eclesiásticos, os cales obrigan o uso do castelán nas súas relacións. Era así Galiza unha provincia estraña, descoñecida e remota coma as Indias, sen voto nas Cortes, gobernada por estraños, con epidemias e fame periodicamente e desangrada polas guerras e as levas de soldados. Todo isto provocou unha depauperización lingüística e o afastamento do idioma do mundo da cultura escrita, da Administración, da vida eclesiástica, científica, etc.

No século XVIII

No século XVIII tivo lugar a Revolución Industrial, que daría lugar á mecanización dos instrumentos de produción, á división do capital e o traballo e á aparición da fábrica. Os galegos, na súa inmensa maioría labregos, viron como fonte de riqueza a extensión de zonas cultivadas e a introdución do millo e a pataca. Os intereses desta agricultura provocaron a chegada dunha burguesía foránea (cataláns, vascos, maragatos, casteláns,...) que usan o castelán como lingua de relación. A isto únese a chegada do centralismo desenvolvido polos Borbóns en toda materia, e por suposto, en materia lingüística. O castelán aumenta a presión sobre o galego, e o ensino debe ser impartido obrigatoriamente en castelán.

Ao mesmo tempo, xorde a preocupación pola marxinación e o atraso de Galiza da man dos Ilustrados, e créanse as "Sociedades Económicas de Amigos del País", a "Academia de Agricultura del Reino de Galicia" ou o "Real Consulado del Mar".
A nivel lingüístico certos ilustrados reclaman a atención ao galego. O Padre Sarmiento reclama o uso do galego no ensino e o ensino do galego; o cura de Fruíme fai uso do galego na súa poesía; o Padre Feixoo defendeu o idioma recoñecéndoo como lingua e non coma dialecto; etc.

Frei Martín Sarmiento

Nestes séculos, o galego medieval cambia con respecto ao moderno, co cal se diferenciará máis do portugués.