dijous, 26 de juliol del 2012

O Galego de hoxe en dia,século XXI (2012)

-Os nosos días: Século XXI-


O galego de hoxe en día, xa en pleno século XXI, está nunha situación xeral de crise. A pesar dos esforzos por recuperar o idioma e a promoción por parte dos sectores culturais e intelectuais, a fala perde cada vez máis falantes e xa entrou na lista de linguas en perigo de extinción da UNESCO. A poboación galega, maioritariamente anciá, está a caer en número de forma vertixinosa, e con ela o número de falantes. A novas xeracións non empregan o galego en ningún ámbito e o número de monolingües en castelán aumenta de xeito alarmante. A Xunta de Galicia non ten un bo programa lingüístico, pois defenden o bilingüismo harmónico, dous termos incompatibles e contraditorios, que está a derivar nunha clara posición de decadencia do galego.

As cidades galegas xa non usan o galego. A situación é traumática e irreparable en cidades como A Coruña e Vigo. Tamén desaparecen os falantes en Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense e tenden a unha situación semellante ás anteriores. De forma máis moderada, aínda que progresiva, perde falantes Santiago de Compostela. Mesmo os núcleos urbanos pequenos (de 5 000 habitantes ou menos, como Negreira) perden falantes.

O fenómeno estase a estender progresivamente xa non só á xuventude das pequenas vilas, senón que chega á rural (algúns concellos rurais son os derradeiros bastións dos monolingües galegos). Aumentan os monolingües en castelán e diminúen os bilingües. Os monolingües galegos existen, pero cada vez son unha especie máis rara. Os monolingües en castelán falan cada vez mellor o castelán, aínda que a inmensa maioría fala un castelán fortemente influído polo galego e con formas e léxico galego. Este castelán cheo de galeguismos e que mantén o acento galego é o chamado castrapo.

A situación aínda está a tempo de corrixirse nas vilas e no rural, mais de seguir a actual tendencia, en cuestión de dez anos, a situación non terá volta atrás. É preciso unha política lingüística eficaz. Estímase que en vinte anos (2020-2025) o galego só será falado polo 18% da poboación, e que seguirá a perder falantes até a súa desaparición.

A situación tamén se estende ao Bierzo, ao Eo-Navia e ás Portelas de forma máis alarmante, pois alí o galego non ten ningún tipo de protección oficial fronte ao castelán. De todos xeitos, hai algunhas organizacións que intentan salvalo da queima, aínda que cada vez teñan menos forza por falta de medios.

Como podemos ver, a situación é moi grave e case me atrevería a dicir que xa non se pode amañar. De todas formas, quedan sectores minoritarios da sociedade moi concienciados que empregan e defenden o galego. Eles son a última esperanza do galego, idioma antigo e nobre, noutrora idioma por excelencia da Península Ibérica e lingua de culto e literaria empregada por reis e xente de poder, lingua de trobadores, de sabios e do pobo. Noutrora, hoxe, a nosa lingua.