dissabte, 28 de juliol del 2012

A Lingua galega na Idade Media

-O galego na Idade Media-


Hai nesta época unha enorme semellanza entre o galego e o portugués, podéndose falar dunha única lingua : a galego-portuguesa, que serve de instrumento de comunicación a tódalas clases sociais para calquera tipo de expresión, desde a máis cotiá e popular ata a máis culta e literaria.O galego escrito úsase en todo tipo de textos, cartas, composicións literarias, documentos notariais... , tanto de carácter público coma privado.

Durante o século XIII e a 1ª metade do XIV chega a ter unha grande importancia literaria, sendo considerado o galego como a lingua máis axeitada para a lírica trobadoresca. Tres tipos de composicións poéticas destacan nesta época: as cantigas de amigo, as de amor e as de escarnio e maldicir, escritas por autores tan importantes como Martín Codax, Mendiño, Pero Meogo etc., e recollidas e conservadas en tres grandes compilacións : Cancioneiro de Ajuda, Cancioneiro da Vaticana e Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Mención especial merecen as Cantigas de Santa María de Alfonso X O Sabio, obra que demostra claramente o enorme prestixio acadado pola nosa lingua nesa época.

Pero ademais das composicións líricas, tamén se escriben textos en prosa e importantes documentos. Unha parte dos textos que se conservan son obras que tratan da historia universal e de España, sendo as máis antigas a Crónica Xeral Galega e a Xeral Historia. Posteriores son A Crónica Xeral de España , A Crónica Galega de 1404 e A Crónica de Santa María de Iria.

O galego era ademais a lingua de tódolos documentos escritos, notariais, administrativos, xudiciais, contratos ...., e tamén empregado en obras de carácter científico, didáctico ou haxiográfico.Como resumo podemos engadir que o galego vivía entón unha época de pleno desenvolvemento, podendo referírmonos a ela coma O esplendor medieval.