"O papel de Lavacolla como aeroporto de referencia, queda cada vez máis desdebuxado"
O concelleiro do BNG, Rafa Vilar, pídelle ó alcalde "que se poña as pilas" e traballe para recuperar enlaces e pasaxeiros // O edil sinala en Radio Obradoiro que nestes momentos o executivo compostelán "é un auténtido desgoberno, non hai cohesión de ningún tipo e o alcalde perdeu toda a autoridade"
Rafa Vilar foi o concelleiro do BNG encargado, esta semana, de analizar en Radio Obradoiro a actualidade municipal de Santiago. O edil afirma que "é evidente que as cousas están revoltas no grupo de goberno. Estamos diante dunha situación lamentable, que imos pagar os cidadáns". En opinión de Vilar, no executivo hai nestes momentos "un auténtico desgoberno, non hai cohesión de ningún tipo, e o alcalde perdeu toda a autoridade. Non se pensa estratéxicamente nos grandes temas".
A actual crise de goberno destapouse tra-la imputación da concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, na chamada Operación Pokémon. Dende o BNG piden a súa demisión, "non tanto porque haxa unha imputación, senón por tódolos temas que se están manexando e que teñen que ver cunha xestión irregular. É máis o presunto delito que a imputación".
Vilar tamén falou da preocupante situación do aeroporto. Nas últimas horas coñecíase que Volotea non retomará no verán o seu vóo a Venecia, e que Lavacolla quedou excluído da rede nodal transeuropea, logo de que PP e PSOE chegaran a un acordo. Para o concelleiro, esta última cuestión non é un asunto menor porque "axudaría a dimensionar o aeroporto e tamén á captación de recursos".
Cre que, en materia aeroportuaria, "a Xunta e o goberno municipal estanse pasando a pelota". Ve urxente "planificar a programación de 2013, e ver que vai pasar con compañías como Ryanair. Hai moitas interrogantes enriba da mesa, pero ningunha proposta". Vilar sostén que "o papel de Lavacolla como aeroporto de referencia queda cada vez máis desdebuxado", e insta a Ángel Currás "a que se poña as pilas" e traballe para recuperar enlaces e pasaxeiros.
Por outra banda, o concelleiro nacionalista insistiu en pedir "unha revisión do plan de axuste, co que fomos moi críticos dende o principio". Un plan, engadiu, que "contén medidas que teñen que ver con recortes e coa laminación de dereitos económicos dos traballadores". Vilar expresoulles o seu total apoio, e confirmou que o BNG estará mañá na mobilización convocada polos funcionarios e "non asistiremos á recepción anual do goberno municipal ós traballadores".
Falando de traballadores, Vilar ve "moi difícil" que se poida facer algo no tocante ó ERE de Paradores. Na súa opinión, os plans da empresa pública están moi claros: "quérese que a rede de Paradores acabe en mans privadas". Malia que o caso de Santiago "podería ser diferente porque o Hostal dos Reis Católicos ten o seu propio convenio, vai ser difícil que non vaia no lote".
dimecres, 19 de desembre del 2012
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada