dimarts, 21 de maig del 2013

Do expediente de queixa do Valedor (2013)

-As resolucións...-

A investigación do Valedor conclúe coa culminación do expediente de queixa. É nese momento cando o Valedor pode propoñer varias medidas
Para o suposto de que o Valedor advirta que a actuación da Administración é adecuada á legalidade pero que estime que a aplicación desa legalidade conduce a resultados inxustos, ou pouco equitativos, pode propoñer a adopción das seguintes medidas:

Suxerir á Administración pública a modificación dos actos e das resolucións daquela.

Se se chegase ao convencemento de que o cumprimento rigoroso dunha norma pode provocar situacións inxustas ou prexudiciais para os administrados, o Valedor poderá suxerir ao Parlamento ou á Administración a súa modificación.
Por outro lado, cando se trate de queixas relacionadas con servizos públicos prestados por particulares habilitados pola Administración, suposto dos concesionarios de servizos públicos, o Valedor poderá instar das autoridades administrativas competentes o exercicio das súas facultades de inspección e sanción.

Por último, cando a actuación administrativa sexa considerada incorrecta ou contraria á legalidade, poderanse formular ás autoridades e aos funcionarios da Administración Pública advertencias, recomendacións, recordatorios dos seus deberes legais e suxestións para a adopción de novas medidas. En todo caso ten de poñerse de manifesto que o Valedor nunca pode modificar ou anular actos ou resolucións administrativas.
As recomendacións formuladas polo Valedor á Administración, expoñen unha pretensión que a institución espera sexa satisfeita por parte da Administración. Pois ben, se unha vez formuladas as súas recomendacións o Valedor non obtivese resposta da Administración, ou nun prazo razoable non se producise unha actuación administrativa acorde co suxerido, neste caso o Valedor poderá poñer os antecedentes por escrito e as recomendacións efectuadas en coñecemento do titular do departamento afectado ou da máxima autoridade da Administración pública galega.

Se tampouco obtivese unha xustificación adecuada incluirá o asunto controvertido no informe anual ou especial, mencionando o nome das autoridades ou dos funcionarios que persistan en tal actitude, especialmente naqueles casos en que o Valedor considerase que existindo unha posible solución positiva, esta non se consiga.