dissabte, 26 de gener del 2013

Na Galipedia,a Wikipedia en galegon (2013)

-Na Galipedia, a Wikipedia en galego-


Facsímile do Estatuto de Galicia de 1936 en pdf.O Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor da Guerra Civil española e tamén debido a que Galicia foi territorio en poder dos sublevados dende o inicio da contenda.

O proceso autonómico galego foi protagonizado nun primeiro momento polos republicanos da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), entre eles os nacionalistas Villar Ponte e Lois Peña Novo [1]. A ORGA foi sempre maioritaria nas comisións redactoras, nas Asembleas etc. ata 1932. Porén, a partir da aprobación do proxecto estatutario na Asemblea de municipios celebrada en Santiago de Compostela a finais de 1932, foi o Partido Galeguista o verdadeiro impulsor e dinamizador do proceso estatutario, especialmente na preparación e desenvolvemento do plebiscito de 1936 e en tódolos pasos seguintes.

Fundación do Partido Galeguista.Os primeiros movementos para dotar dunha constitución a un futuro Estado galego poden datarse na segunda metade do século XIX. Co Rexurdimento literario xorde tamén un movemento historicista dentro do cal Manuel Murguía comeza a escribir o que serán as bases ideolóxicas dos futuros rexionalismo e nacionalismo galegos. A Revolución de 1868, coa expulsión da raíña Isabel II, trouxo consigo o nacemento de movementos e partidos federalistas, como o Pacto Galaico-Asturiano asinado na Coruña o 18 de xullo de 1869, que propugnaba a creación dun estado federado formado pola confluencia de Galicia e Asturias.

No mesmo contexto, outras tendencias, como a asemblea de demócratas de Ferrol de 1868, reclamaban a república federal da que formaría parte unha "Galicia independiente, pero parte integrante de la nación española". Na mesma liña, o alcalde de Santiago José Sánchez Villamarín e o seu grupo, o Centro de Iniciativas para Galicia, reclamaba en 1873, co gallo da proclamación da República, que os galegos tivesen capacidade lexislativa sobre os seus propios asuntos.

Así, non cabe estrañar que a constitución republicana de 1873 declarase o estado como unha República democrática federal, e a Galicia un estado federal integrante da nación española cunha elevada capacidade de autogoberno. Pero, como queira que esta constitución quedou abortada coa reinstauración da monarquía en 1874 e o regreso a un estado puramente centralista, todo quedou en nada.

Pero aínda baixo a monarquía borbónica, o Partido Republicano Federal mantivo viva a aspiración federalista e, en 1883, o Consello Federal de Galicia, baixo a presidencia de Segundo Moreno Barcia, redactou un "Proyecto de Constitución para el futuro Estado Gallego" que sería aprobado en 1887. Este proxecto establecía que a rexión galega se erixía en Estado autónomo e soberano cun modelo de goberno democrático-republicano federal, prometendo "vivir perpetua e indisolublemente unida ó resto dos Estados irmáns da nación española ... para cooperar á grandeza da patria común". O proxecto non mencionaba aspectos lingüísticos ou culturais.