Os cánticos atronaron a madrugada da zona vella de Compostela // A primeira noite de copas do curso encheu de mozos e mozas a parte antiga da cidade e tamén a nova // "Bebo unha botella o xoves e outra o sábado, e estou xenial", di un rapaz duns vinte anos // Soen repartir unha botella de whisky ou ron entre dous homes, e unha dá para tres mulleres
Mozos e mozas na movida deste xoves en Compostela - FOTO: X.C.Noticias relacionadas.Descienden las sanciones por consumo de alcohol en la vía pública en Santiago.Primeira noite de movida do curso en Santiago
Parece algo cedo para o ambiente, sen embargo xa hai un fluxo significativo de xente que circula cara á zona de San Bieito e Entremuros. Efectivamente, alí xa empezan acumularse persoas á porta dos locais da zona. Todo se ve nese momento traquilo e bastante silencioso. Estou realizando unha viaxe pola movida santiaguesa, a primeira do curso, e decido ir dar unha volta polas rúas da zona nobre.
Dúas e media. Empeza a haber xente na Raíña e xa con estampa de estaren animados. Falo con varios, que me explican que por alí as cervexas valen 1,5 euros e se pode conseguir algún chupito por 2,5. As copas soben aos cinco euros. Alí atopo a Alberto e a unha amiga que me contan que xa moito antes un policía os alertou de que non se pode consumir alcol na rúa. Despois puiden comprobar que esa norma ten pouco eco na noite compostelá.
Diríxome de novo á zona de Entremuros, e polo camiño vexo outra área quente, a de San Fiz. Grupos de mozos e mozas ocupan as escaleiras e as entradas dos pubs. Un grupo de rapazas conversan sentadas arredor duns briks de tinto 'Gran duque', e outros mozos amosan xa algarabía. Pregúntolle a un deles, duns vinte anos, que cantidade de alcol consumen, en xeral, el e os seus amigos na noite de marcha. Fala rápido e coa lingua algo esbaradiza e espesa. Nótase que xa van alá bastantes grolos de licor, que empezan a pasar factura. Contesta, como bo galego, que depende. "Segundo como estea o persoal de forte".
"Eu bebo unha botella", dime. "Perdoa que o dubide, paréceme moito", respondo eu. E el insiste. "Si, si. Pódelo crer. Bebo unha botella os xoves e outra os sábados, e estou xenial". Despois os outros días non bebo nada. En xeral, segundo me comenta, os homes soen beber media ou unha botella na noite, preferentemente de whisky ou de ron. "As mulleres toman máis vodka".
Seguen os cánticos e eu vou a Entremuros. Agora si que hai peña. De pé e sentados, como nos outros lugares, bebendo e cantando a pleno pulmón. Oio unha guitarra e achégome. Un grupo canta con paixón. Despois métome nun dos pubs, para ver que ambiente hai dentro. Antes pregunto polo prezo das copas: cinco euros. Ao rapaz que mo di parécenlle caras, pero é o que hai.
Xa pasa das cinco. Chego a Puente Castro e vexo outra concentración de rapaces. Cheira bastante a ouriños -a verdade é que durante o meu paseo pola movida vin varios mexando, contra unha parede ou contra contenedores do lixo, bastante noxento-. É tarde e hai fame. Empezan a verse bocadillos nas mans e bocas que morden con ansia. Comprobo que a mocidade aínda ten corda para rato e eu xa completei un percorrido bastante amplo, así que me retiro. Hoxe é outro día
divendres, 21 de setembre del 2012
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada