Así remata a sentenza, seica, das palabras de Iavé a Adán, e por engádega digo eu que tamén a Eva, pero a alocución enteira deste laudo, por así dicilo, foi, como saberán os lectores e as lectoras así: memento homo, quia pulvis es et in pulverem reverteris.
Tanto para Adán como para Eva, homo, na acepción grega. Estamos no mes de Santos que a nosa laicidade que mellor Novembro, con día dedicado aos defuntos, ás ánimas que xa non están nin han estar máis alá dos séculos, porque só eterna é a morte, e non hai entón per vitam aeternam, como queren os crentes, e a relixión con ela -a eternidade- agosto e magosto, ourizado xa o efémero ouro das castañas.
Digamos, pois, que a eternidade non é outra cousa que a negación do ego, logo do individuo, na súa condición de home ou muller. Da tradición desta pouco críbel, pero certa sentenza alimentouse o sentimento tráxico da vida que invocaba Miguel de Unamuno. Advirtamos, que memento é funeral, acto post mortem de calquera relixión.
E o "sentimento tráxico da vida", do vivir, foi a cerna estimulatoria dunha grande parte da chamada Generación del 98 española, todos ou case todos menos o noso inmortal Valle-Inclán, que non participou da pusilanimidade, festiva ou non, de Azorín, os excesos de Pío Baroja e a ben descritíbel tristura do granadido Ángel Ganivet, e se me apuran, engadiría neste breve listado a Rubén Darío.
Con todo, os "tocados" por este catecismo só o deixaban solertes para pías postas en escena xustapostas ou envisgadas dun patetismo atrabiliario, cal é o caso do fascismo español encabezado no fundamental polo xeneral Franco e José Antonio Primo de Rivera.
En don Ramón, retornando, nada hai dese "sentimento" pois el é pai do esperpento, o xénero que xamais soubo mellorar ou copiar, sequera, ninguén. Regresen á lectura, se queren de Las galas del difunto; retornen a Luces de bohemia e rematen en Divinas palabras. Despois, continúen con Tirano Banderas para lle levar unha candea acesa á sombra nunca recorrente de Zacarías el Cruzado, esa silueta da mera da noite choviñenta que eu vexo en Compostela de Camiño á necrópole de Boisaca, para despertar o Mestre do seu soño inmortal e sempre necesario:
"U la miña presenza, don Ramón?". "Ao Español; ao Derby? "Ao único que queda, don Ramón, coas puretas e os guiris apacentado a sombra do aire na herba (Pimentel)". "Pero Pimentel non era comunista". "Cristián e decente, nos ergástulos do planalto lugués". "Lembraba o ruído das balas asasinas contra os tapiais no vello cemiterio de San Froilán". "Asolábelle a memoria Galicia mártir e Atila en Galicia; escribiu Galicia nas cunetas.
Así, El Cruzado e don Ramón atravesan o empardecido deste outono outono en Compostela ata chegar ao Derby, de camareiros uniformados de branco e negro, como os do Carabela en Pontevedra, a onde non queren ir Góngora porque non lle pregunten se é certo que regresa en pálida morte para rescribir a súa Soledad segunda, o arquitecto Portela, o historiador Fortes Bouzán, o xuíz Luciano Varela, e mesmo Sabino Torres Ferrer, cando chega de Madrid, por ver o Lérez e saber que foi dos vellos cafés desaparecidos.
Podería volver saír Litoral, Sabino? Pregunteille esoutro día cando a tarde caía indiferente na memoria da Moureira. "Podería, pero tería que ser doutra maneira". Agora hai ordenadores e un mundo que parece do revés. Hai cen anos que nacía Filgueira Valverde, un erudito que fundou o Partido da Dereita Galeguista, ou algo así. Debe ser a mesma pantasma á que se adscribe Alberto Núñez Feijóo. O PP claro, o Partido Popular de España "una, grande y libre".
Mes de novembro, Santos piadosa tradición. Praza da Soedade en Lugo; rúa do Desengano en Ourense. Procesión de vivos e de mortos. Nos escaparates deste século XXI xa piñeiriños e aderezos de Nadal; Papá Noel, o boneco da Coca-Cola. A xente agarda o milagre despois das enxurradas, despois da barbarie urbanística... urbanización enriba do que foi decurso do río primixenio, nos areais arrebatados ao mar. Da sementeira á castañeira, e viño xa novo para ir abillar nas fírgoas do día, de fiúncho e nébeda.
diumenge, 12 d’agost del 2012
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada