diumenge, 11 de maig del 2014

A Literatura oral é hálito vital,e verbo,as palabras acabadas de nacer.

Para volver a nacer das augas da memoria, para renacer novas e recoñecíbeis como se as coñecésemos desde sempre, como se as levásemos tatuadas, as súas pegadas, na fráxil pel da alma colectiva. *Son novas aínda que sen cesar regresen da tensión da historia anónima e con nome. Palabra nova e verbo antigo que vén grávido de silencio, do antes da palabra, interiorizada no máis fondo, onde a palabra e o número conviven acochadiños Na literatura oral habita o home e as súas outras formas, a natureza, o latexar da vida,de todo o que é revelación. O que é inestábel realidade, a realidade que é sombra da realidade,todo ten os seus alicerces na sabedoría. No libro chéganos a apagada voz de quen a escribiu. Mais quen fala coa voz dos mananciais da sabedoría popular, fálanos coa entraña do pobo que a creou, que son milleiros e milleiros de voces. Naquelas voces de homes e mulleres amañeceu o home de hoxe, o que trae o tempo que é anterior á historia. *As voces de hoxe tráennos a lenda, o paraíso ou o inferno coa súa humanidade de anxos e demos que constrúen o ser humano na súa esencia e na súa linguaxe. Ao longo destas primeiras xornadas que coordinaron os escritores, Antonio Reigosa e Isidro Novo, escoitamos falar da figura do demo na literatura de tradición oral: Deus e o demo, a posesión diabólica e os libros do demo, grimorios e ciprianillos. O demo, o diaño é de vello protagonista constante na nosa tradición oral. Inspíranos tantas veces medo e del tentamos de nos librar con oracións e conxuros, ao tempo que procuramos rirnos del. *Un demo que carreta pedra polas noites, que escribe libros máxicos, literatura máxica. Do seu poder libramos os tesouros con axuda da maxia. O demo medra das máis diversas formas na imaxinación dos supersticiosos e dos crentes na maxia. É sentinela e sedutor; tenta á transgresión. Garda os tesouros esquecidos, castiga ou fai caridade aos pobres. *Sexa como for é unha figura no día a día da nosa tradición oral, profundamente humana na súa non humanidade.