divendres, 23 de novembre del 2012

O futuro é posible a Galliza,segons Touriño (2012)

Un ateigado auditorio no Hotel Araguaney, en Santiago, recibiu este xoves entre aplausos a Emilio Pérez Touriño no acto de presentación do seu libro "O futuro é posible"

O expresidente chegou acompañado de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, editora da obra, e do politólogo Ramón Maiz. Na sala, chea, público variado, periodistas, históricos parlamentarios como Anxel Guerreiro e persoeiros como o expresidente Fernández Albor. Había socialistas e faltaban socialistas. De feito, non apareceron por alí os membros da cúpula actual, con ausencias notables como a do líder, Pachi Vázquez, ou Ricardo Varela, que foron conselleiros no Goberno de Touriño e que reciben ambos duras críticas no libro. 

Empezou a falar Freixanes, que de contado lle agradeceu a Touriño a iniciativa do libro, en palabras do director de Galaxia, unha reflexión e unha viaxe necesaria, poñer papel o tempo vivido para abrir o debate. Algo raro, dixo, que non é común neste “país de caladiños”.

Ramón Maiz achegouse á figura do expresidente socialista a través do proxecto, os principios e as perspectivas. Debuxouno cos trazos da democracia, a dignificación da vida parlamentaria, o impulso da igualdade, o ensino, a sanidade e todo o público; o compromiso desde o galeguismo e o federalismo coa reforma estatutaria; as políticas de xénero e de crecemento sustentable.

Tamén empezou con agradecementos o propio autor do libro. Emilio Pérez Touriño deulle as gracias a entidades e persoas e a Galaxia e a Freixanes por publicar a obra nun momento difícil. E clarexou, primeiro, os porqués do texto, que cualificou de "criatura". A primeira razón, dixo, é a maioría social que decidiu votar o proxecto nas eleccións de 2005 e tamén os que catro anos máis tarde, en 2009, apoiaron o Goberno de coalición. “Merecen unha explicación”, aseverou.

A segunda razón e o seu firme convencemento de que en Galicia é posible construír un proxecto alternativo, con vocación e opción de goberno, que asocie a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático. “É a tarefa á que temos que estar convocados”, porque “o cambio terá que vir da man do entendemento”.

Finalmente, criticou a política de austeridade que se segue na actualidade en Galicia, España e Europa, e apuntou que deberemos solucionar a crise desde Europa, recuperando a política.