dimecres, 24 d’octubre del 2012

As persoas atendidas por Cruz Vermella medran...

-As persoas atendidas por Cruz Vermella en Santiago medran entre un 10 e un 20%-

A ONG consegue manter o seu orzamento global, "grazas ó apoio da xente e das empresas" // O seu coordinador en Compostela afirma en Radio Obradoiro que o número de socios se duplicou na comarca dende que comezou a crise

A- A+ A enquisa de condicións de vida elaborada polo Instituto Nacional de Estadística reflicte que o 11,9 por cento dos fogares galegos chega a fin de mes con moita dificultade, que o risco de pobreza en Galicia é do 18,8 por cento e que un terzo dos fogares galegos non dispón de cartos para imprevistos. Unha realidade que constatan día a día aqueles que traballan cos máis desfavorecidos. En Caixón de sastre, o magacín matutino de Radio Obradoiro, o coordinador comarcal de Cruz Vermella en Santiago explicaba que en Compostela, dende que se iniciou a crise, se duplicou o número de persoas que acoden á ONG e que se atopan por debaixo do umbral da pobreza.

Segundo Cibrán Vázquez, este 2012 rematará cun incremento de "entre un 10 e un 20 por cento" no número de persoas atendidas por Cruz Vermella na comarca de Santiago. Tamén dixo que cada vez se achegan á ONG máis xóvenes e familias, ó tempo que se revertiu a tendencia no número de inmigrantes, superados xa polos autóctonos. Para poder atender mellor as distintas necesidades que se lles presentan, Vázquez abogou pola "especialización do persoal técnico e do voluntariado nos diferentes programas nos que traballamos".

Destacou ademais que a diminución de axudas institucionais se está a ver compensada polo incremento de socios. "Nos últimos catro anos duplicamos o número na comarca". Por sorte, tamén cada vez son máis os voluntarios que queren colaborar con Cruz Vermella. Cibrán Vázquez explicaba que conseguiron manter o orzamento global "grazas á apoio da xente e das empresas".