-Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia-
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a presenza do audiovisual galego na vixésimo oitava edición do MIPCOM de Cannes, o principal mercado internacional para contidos audiovisuais televisivos e de entretemento, no que ata o xoves 11 está a participar unha delegación comercial integrada polas empresas Zenit TV, Frida Films, Xamalú Films e CTV.
Ademais, e como en anteriores edicións desta destacada cita profesional, a Xunta de Galicia contará cun espazo propio para a difusión do audiovisual galego dentro do pavillón de Audiovisual from Spain, plataforma promovida polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX) do Goberno de España e da que forman parte, así mesmo, outras 23 empresas e institucións tanto de ámbito estatal como autonómico.
Este espazo está a disposición de todos os profesionais que integran a delegación empresarial galega –resultante dunha convocatoria aberta a todas as compañías do sector interesadas– coa que a Consellería colabora a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), asumindo os gastos de viaxe e de inscrición dos seus integrantes. Xunto con estas catro compañías, tamén participan no MIPCOM representantes de Televisión de Galicia.
Entre as actividades de difusión no marco deste multitudinario encontro, dirixido fundamentalmente á comercialización de todo tipo de formatos, programas e servizos para televisión, a Agadic está a distribuír o catálogo Films from Galicia que, xunto coas longametraxes máis recentes de ficción, documental e animación, recolle a última produción de programas para televisión. Atópase tamén entre os materiais promocionais do sector audiovisual galego a publicación Ways to Film, dirixida a promover Galicia como escenario para as rodaxes cinematográficas.
Estas accións insírense, á súa vez, no acordo de colaboración entre a Agadic e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) co obxectivo de favorecer e impulsar a internacionalización do sector audiovisual galego.
dimarts, 9 d’octubre del 2012
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada