dimecres, 26 de març del 2014

Hai xente que ridiculiza o galego cando non pode recluilo

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presenta hoxe, simultanemente en decenas de lugares do mundo, o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”, un estudo coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas co que os seus autores pretenden axudar a superar os prexuízos e as interpretacións subxectivas sobre o idioma de Galicia. En Vigo a presentación terá lugar na Casa Galega da Cultura ás 20.30 horas. *Xa son máis de 70. Chamounos moita xente que se ofreceu para presentar o libro.Tiñamos o problema de ver onde o presentabamos, se na Coruña ou en Vigo, onde estaba o ollo do furacán, e queriamos combater a mentira alá onde a mentira se orixinara; despois pensamos nas sete cidades galegas e a alguén se lle ocorreu que por que non o faciamos en vinte localidades, pero hai xente de Prolingua por aí fóra que dixo: “sería bonito facelo tamén aquí”, e xa temos o sitio e a xente que o presentará mesmo en Madrid, Barcelona, Vitoria, Tubinga, Lisboa, Nova York, París, Londres, Copenague, Nablús... Para nós é unha alegría inmensa esta marea de fartura, porque a xente xa está farta de tanta mentira. *O libro nace simplemente para desmontar todas as falsedades que se foron vertendo sobre a lingua nos últimos tempos. Hai pouco nun programa na TVG sobre o famoso decreto unha profesora de Dereito saltou outra vez con ese bulo urbano de tres ao caldeiro (tres elevado ao cubo). Que me digan en que colexio, en que aula, que profesor, cando e onde, porque é falso. Son esas mentiras... Hai xente que trata de rediculizar o galego cando non pode criminalizalo ou recluílo, é a estratexia do negacionismo. ‘Imos ridiculizar o galego, paletos: leiras magnéticas, tres ao caldeiro’... É mentira a imposición do galego, é mentira que o castelán corra calquera risco...