dijous, 3 d’abril del 2014

A Mesa alerta da disminución do uso do galego entre os mozos.

A organización cifra en menos do 35 por cento o número de mozos que utiliza habitualmente a lingua galega. O responsable nacional da sección xuvenil da Mesa pola Normalización Lingüística, Fran Rei, alertou onte de que o galego "non chega ao 35%" en número de mozos falantes habituais, e de que o número de mozos que só usan o castelán aumentou en dez anos case nun 10%, o que converte o galego "nunha lingua residual" nesta franxa de idade. *Segundo explicou Fran Rei en declaracións tras intervir na Comisión Parlamentaria de estudo da situación da xuventude en Galicia, os datos sobre evolución do galego na sociedade mostran que o monolingüismo en castelán aumentou nunha década dende o 10 ata preto do 19%, e que nalgúns núcleos urbanos a porcentaxe de falantes habituais en galego non chega ao 15%. *Neste sentido, Fran Rei sinalou que a xeración actual de mozos "é a primeira que xa non ten a lingua galega como lingua habitual nin como primeira lingua" e asegurou que os datos dos diferentes estudos que manexa a Mesa "evidencian unha ruptura cada vez máis acelerada da transmisión interxeracional" do galego. *Nesta liña, Fran Rei sinalou que a lingua galega vive na actualidade "un proceso de substitución total polo castelán, sobre todo en ámbitos urbanos" aínda que "cada vez máis tamén en grandes vilas, sobre todo da costa". *Ademais, o voceiro da sección xuvenil da Mesa sinalou que "en contra do que se di", os últimos estudos evidencian "un mantemento de actitudes negativas e prexuízos moi grandes" cara ao galego "por parte da xente máis nova". Neste sentido, Fran Rei criticou que na sociedade "persistan tópicos" que asocien aos mozos que falan galego "a que veñen de aldea ou a que teñen filiación nacionalista", o que cualificou de "moi preocupante". Rei reclamou "o cumprimento íntegro da lexislación vixente" sobre normalización lingüística, sobre todo no ámbito do ensino.