diumenge, 11 d’agost del 2013

A desaparicion do Xornal Galicia Hoxe...!

A actualidade manda. E por iso, fago unha miniparéntese no meu descanso obrigado de A Lareira Máxica e do mundo de internet do que levo desconectado desde o pasado día 10 de xuño para publicar un artigo que nunca me gustaría ter publicado, ou polo menos coa urxencia e motivo que o vou facer. Hoxe, case sen querer, entereime dunha noticia da que, de poder escoller, non querería que nunca se tivese producido: a desaparición do xornal Galicia Hoxe que mañán sacará á rúa o seu último número, o derradeiro, o último. Galicia Hoxe (17 maio 2003- 28 de xuño 2011) é o único xornal diario (tódolos días da semana) escrito enteiramente en galego. En realidade, non é senón a continuación do primeiro xornal diario escrito 100% en galego: O Correo Galego (5 de xaneiro 1994 - 16 de maio 2003) e ambos pertencentes a Editorial Compostela, empresa editora do seu irmán maior: El Correo Gallego. Pódese dicir que Galicia Hoxe foi unha refundación de O Correo Galego. Tanto nun coma noutro o factor subvención era a base primordial dos seus ingresos. O recadado nos quioskos non pasaban de ser ingresos casi simbólico ó lado das subvención públicas da Xunta de Galicia -sobre todo- e dos ingresos por publicidade (unha esquela tiña prioridade e se había que maquetar e refacer a páxina de deportes, pois alá, o primeiro é o primeiro...Brrr que rabia daba logo de que che cadrarán, por fin, titulares e líneas) A noticia de por sí mala, para min é todavía máis por diversos motivos persoais: gústame o galego, son xornalista e traballei en O Correo Galego durante un ano. Foi o primeiro xornal no que traballei e no que entrei so uns días despois de ter rematado as miñas prácticas en Radio Voz Vigo. Supoñía pasar de radio á prensa, medios completamente distintos. A nova do nacemento de O Correo Galego sóubena a través do meu amigo e outrora profesor Xosé Amancio Liñares Giraut, en xaneiro de 1994. Que me diría a min que anos máis tarde, sería un dos membros da súa redacción...