dijous, 27 de juny del 2013

A fiscal di estar segura que Bretón matou os seus fillos.

A fiscal di estar segura de que Bretón matou os seus fillos do xeito ''máis cruel posible''



A fiscal no xuízo contra José Bretón -acusado de matar aos seus dous fillos en Córdoba-, María Ángeles Rojas, asegurou que non ten ningunha dúbida de que o procesado matou os seus fillos da forma "máis cruel posible" e de que se inventou un "conto" para declararse inocente.

Información relacionada.A defensa de Bretón critica que se lle ''crucificase'' desde un principio

Comeza o xuízo contra José Bretón pola morte dos seus dous fillos

Rojas presentouse ante o xurado popular elixido hoxe para a vista, que se prolongará ata o 8 de xullo, e instoulles a que non se deixen influír pola repercusión mediática que tivo o caso e a que refuguen calquera idea preconcibida.

Especializada en casos de violencia no ámbito familiar, a fiscal díxolles, con todo, que non ten dúbida algunha de que José Bretón matou os seus dous fillos, Ruth e José, de 6 e 2 anos no momento dos feitos, da forma "máis cruel posible" e aproveitando que os tiña baixo a súa custodia.

E para eludir o seu delito, continuou a fiscal, queimou os nenos nunha fogueira a temperatura "altísima". "A súa historia desmontouse aos poucos", insistiu a fiscal antes de advertir aos membros do xurado de que todo o que escoiten mañá na declaración do acusado será produto dun "conto inventado por el", de pura "fantasía".

A fiscal quixo desmontar a versión da defensa, que "aínda entende" que Bretón perdeu os nenos no parque e que, a pesar das probas, cre que os ósos achados non corresponden os nenos.

María del Reposo Carrero, a avogada da acusación particular, asegurou hoxe que ten a sospeita de que o acusado tamén quería queimar a súa ex muller na pira onde supostamente queimou os pequenos.

De ''atrocidade" cualificou a avogada da nai dos nenos falecidos, Ruth e José, a morte dos pequenos, nunha intervención na que recoñeceu que lle custaba traballo imaxinar que unha persoa sexa capaz de asasinar os seus fillos. "Non é un caso dun señor preso dunha tolemia. Non é un acto dun tolo, nin un impulso, nin un arrebato, nin unha circunstancia humanamente comprensible", senón que "estamos en presenza dun monstro, dunha persoa malvada", salientou a letrada.

Segundo Carrero, a "pira funeraria", a "enorme candea alargada" que preparou na leira das Quemadillas estaba destinada tamén para a súa ex muller, á que chamou ese día tres veces por teléfono, aínda que Ruth Ortiz non colleu as chamadas