dilluns, 28 de maig del 2012

Homenaxe a Moncho Reboiras a Corunha

Manifesto homenaxe a Moncho Reboiras Na madrugada do 12 de agosto de 1975 a policía franquista abate a tiros a Xosé Ramón Reboiras Noia en Ferrol. Tiña 25 anos e era membro da dirección nacional da Unión do Pobo Galego (UPG). A súa morte foi a expresión máis crúa da represión sobre esta organización política que naqueles día padeceu innúmeras detencións, encadeamento, tortura e exilio de gran parte dos seus e das súas militantes.


Franco morría tres meses despois e a ditadura daba paso a un acordo entre os seus herdeiros cunha oposición posibilista que, sen respectar as reivindicacións populares, puña en marcha a Transición cara unha democracia condicionada que obviou a necesaria ruptura e homologación con outros países europeos da nosa contorna. Unha Constitución de compromiso foi a peza angular desta operación que se alongou nun pacto tácito para agachar o xenocidio que seguiu ao golpe de estado militar contra a República mailos asasinatos selectivos posteriores de persoas que defenderon a liberdade do seu pobo. Moncho Reboiras foi unha delas.

Tiveron que pasar máis de trinta anos para que, cun goberno do PSOE, se promulgase a Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica. Coa súa aplicación agromaba a posibilidade de confrontar na práctica o tal pacto de silencio e de desenvolver un proceso de reparación moral das e dos que foron perseguidos e masacrados no transcurso da loita pola democracia. Porén, unha calculada desidia institucional e as propias eivas da Lei, levábana a esmorecer de non ser por un forte movemento asociativo a prol da Memoria Histórica que alicerzou a súa aplicación.