As Irmandades da Fala
No primeiro terzo do século XX destaca en Galicia o labor do Movemento Agrarista. Os galegos decatáranse xa no século XIX da situación de inxustiza que supuña estar pagando rendas aos señores polos foros e agrúpanse en diversas organizacións para defenderen os seus dereitos.
A máis representativa é a "Liga Agraria de Acción Galega" (1912-1915) que, en realidade, carecía dun verdadeiro programa político, limitándose a pedir a destrución do sistema foral. O problema dos foros non se soluciona ata 1926, cando se dita o "Decreto de Redención dos Foros" que permite aos labregos convertérense en donos das terras que traballan previo pago dunha indemnización aos antigos foristas. A fidalguía, clase social que xa entrara en decadencia no século XIX, acaba por perder, xunto coas terras, parte do poder que noutrora ostentara. Pero o decreto non supón unha auténtica reforma agraria nin na posesión da terra nin no seu modo de traballala.
Cómpre destacar tamén que diversos grupos políticos e intelectuais da burguesía urbana forman no 1907 "Solidaridade Galega", movemento que, a pesar da súa ideoloxía heteroxénea, posúe como obxectivos centrais: a renovación para Galicia, a loita contra o caciquismo e a descentralización da administración. Esta asociación vincúlase, nun primeiro momento, aos movementos agrarios mais a partir de 1912 vai esmorecendo e moitos dos seus membros intégranse posteriormente nas Irmandades da Fala…
Antón Vilar Ponte publica no ano 1916 unha serie de artigos xornalísticos de grande éxito que son recollidos no seu libro “Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional”, onde chama os galegos a unha radical defensa da súa lingua e do seu país. En maio de 1916 constitúese na Coruña a Irmandade de Amigos da Fala Galega que ten como finalidade primordial a exaltación e o fomento da práctica social do idioma, obxectivos ligados estreitamente a un plano global de rexeneración do país.
Aos dez días da fundación da primeira Irmandade, promóvese a fundación doutra en Santiago e moi pouco despois nacen Irmandades en Monforte, Ourense, Pontevedra, Vilalba, Ferrol, Vigo, Mondoñedo, Baralla, A Estrada, Vilagarcía, Betanzos, Ortigueira, Muxía, Lugo, Baiona, Arzúa... Madrid, Buenos Aires, A Habana.Desde o primeiro momento contan cun voceiro: A Nosa Terra. Idearium das Irmandades da Fala que consegue manterse ininterrompidamente desde 1916 a 1936, con 2000 exemplares de tiraxe.
Os obxectivos das Irmandades da Fala son a revalorización e a defensa do idioma e a expansión do seu uso social tanto na literatura, no ensino, na ciencia como en calquera outra manifestación pública, oral ou escrita, que se leve a cabo en Galicia.
Demándase a galeguización plena da sociedade e, a diferenza do que ocorría en etapas anteriores, demándase en galego. Ademais de organizaren cursos de galego e conferencias, fundan editoriais ( Céltiga, Lar e Nós, a máis importante) nas que publican, na lingua do país, tanto xornáis e revistas como obras ensaísticas, ao tempo que potencian xéneros literarios como a narrativa curta ou o teatro.
En 1918, as Irmandades celebran en Lugo a súa primeira reunión conxunta, da que sae un manifesto considerado o documento fundacional do nacionalismo galego. Entre os seus asinantes: Losada Diéguez, Vicente Risco, Cabanillas, Castelao, Anxel Casal e os irmáns Ramón e Antón Vilar Ponte. Neste manifesto afírmase que Galicia ten todas as características esenciais dunha nacionalidade e é por iso que se consideran nacionalistas galegos, xa que a palabra “rexionalismo” non reccolle todas as súas aspiracións.
En 1921 crean o Conservatorio Nacional de Arte Galego na Coruña, institución que se dedica a fomentar o teatro galego a todos os niveis, e que funcionará como escola de actores e como compañía teatral.
Froilan Franco,àlies El Mestre
diumenge, 27 de maig del 2012
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada