dilluns, 16 de desembre del 2013

A lingua galega,só para os vivos (2013)

Queremos Galego Marín anima a cidadanía a reclamar o dereito a "morrer en galego" Asistentes a unha das actividades de Queremos Galego Marín. // Gustavo Santos Se na aldea dos vivos de Galicia o galego é o idioma natural da maior parte dos seus habitantes, atopamos unha contradición na aldea dos mortos: as estatísticas manifestan ese contrasentido, xa que só unha de cada mil lápidas dos nosos cemiterios está escrita en galego, e unicamente o dous por cento das esquelas publicadas nos medios de comunicación galegos aparecen no idioma de Galicia. "Queremos Galego" anima ós marinenses a mudar esta situación. MARÍN "O galego é noso, é de todos, daqueles que o amamos e respectamos, pero incluso é mesmo daquel que o despreza, é un patrimonio herdado, un dos tesouros inmateriais do noso pobo. Tamén é do que o fala, e do que non o fala, ou do que xa non o fala, e nós os que aínda moramos na aldea dos vivos, tentamos axudar para que tamén se empregue na aldea dos mortos", expón a Asociación Queremos Galego Marín, que reivindica o uso do galego tamén no camposanto. Este colectivo razoa que é absurdo anunciar o pasamento dunha persoa nun idioma que non era o propio nas súas relacións persoais; "mais o certo é, que nos difíciles momentos da perda dun ser querido galegofalante, atopámonos cunha poderosa inercia que leva a que de xeito case automático, a lingua galega fique excluída de case todo o que ten a ver co proceso da morte en todas as súas fases e nos soportes de diverso tipo (esquelas en xornais, notas necrolóxicas en radio, epitafios en lápidas, cintas en ramos de flores e coroas, edición de tarxetas, boa parte dos ritos relixiosos -se os hai- e mesmo na inscrición oficial do falecemento e na expedición de certificados de defunción). Dende a Asociación Queremos Galego Marín, "estamos plenamente convencidas e convencidos de que esta situación non é lóxica nin normal". Este colectivo explica que o galego, idioma oral maioritario na vida, non pode ser excluído ou proscrito no proceso da morte e na súa lembranza posterior. Non é natural. Por iso convida aos marinenses a reflexionar sobre esta situación. "Facerlle a despedida en castelán a un home ou muller que amaron e se expresaron en galego é unha falla de respecto a súa verdadeira identidade", expón, e engade que sería desexábel, neste contexto, en orde á legalidade vixente, mais tamén da normalidade no uso do idioma de Galicia, a aplicación do principio de "oferta positiva", isto é, a realización en galego, de oficio, en todas as súas actuacións, "a non ser, lóxicamente, que exista vontade individual do cliente en sentido contrario, obviamente respectábel". Algunhas entidades, como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, facilitan aos cidadáns facer estes trámites en galego, e incluso celebrar mandas testamentarias, para declarar ante o notario a vontade de que á morte do demandante, todo o que rodee o seu enterro se faga na lingua de Galicia. "Os cemiterios son un reflexo distorsionado da realidade galega", explicou o presidente desta asociación, Xosé González, ó presentar recentemente unha iniciativa para incorporar os camposantos á sociedade galega. As mandas testamentarias en galego son o dictado das derradeiras vontades ante notario, para que tódolos actos referidos á morte e os trámites civiles ou relixiosos relacionados co pasamento se desenvolvan en lingua galega si esa é a decisión da persoa. É o xeito de non arredar a realidade das parroquias de vivos das "parroquias de mortos", os camposantos.