A estirpe dos escritores que acaban sendo parte dunha lingua non precisa máis que dunha referencia no lexicón dos deuses.
*Xa se encarregou Borges, en comandita con Kafka, de arranxalo así na biblioteca da eternidade: os que van ter anaquel propio non precisan de máis nada, porque non hai erro posible. Cunha entrada basta. Tamén é así no Antigo Reino de Galicia, nun reconto a voa pluma: dende Rosalía a Novoneyra, pasando por Curros, Pondal, Manoel-Antonio, Castelao, Celso Emilio e Cunqueiro. Por moito que non se queira recoñecer a súa mestría e maxisterio, Ferrín é o meirande escritor galego vivo.
*Se ao falar por exemplo de Cela, nos seus antípodes políticos, calquera nomearía a Pascual Duarte, La colmena e Viaje a la Alcarria (con iso chega para unha leira no porvir), de Ferrín abondaría con tres fitos para facer a biografía de quen sabe convocar as palabras para que digan o que hai e o que non, para decir e calar nos intersticios da sintaxe (que é a marca dunha alma que pensa con palabras): Con pólvora e mangolias, Percival e outras historias e Antón e os inocentes.
*Naceu en Ourense nun ano triste: 1938. Con Celanova, Pontevedra, Santiago, Madrid, Oxford, Lugo, Canarias e —desde 1955— Vigo, son as suas xeografías físicas. Non tiven a sorte do meu ex compañeiro en Montecastelo, Reixa, de ter a Ferrín como profesor de literatura. Porque non fun ao Instituto Santa Irene, nas Travesas, onde sentaba cátedra estética e política.
*Demorei moito en termos a primeira conversa morna, pero a máis de todas conteceu hai ben pouco e nun espazo tan insólito como o estaleiro do meu pai na Avenida de Beiramar, en Bouzas. Son moitos —confeso que eu tamén— os que ao referirse a Ferrín (tamén bautizado Xosé Luis Méndez) darán nun lugar común: o máis dotado escritor galego practicou ideas políticas extremadas.
Fundador de movementos como Brais Pinto e partidos como a Unión do Povo Galego, pasou pola cadea en tempos de Franco e (por«tenencia ilícita de armas») na democracia. É Ferrín un nacionalista galego que endexamáis arrenegou das súas conviccións e as levou ate o Fisterra da Constitución española e máis alá, con cativo eco electoral cando tentou no ganapán dun tal d’Hont.
*Arredado do noroeste e das súas liortas, quero pensar que non houbo reticencias cando foi elixido presidente da Real Academia Galega, un posto que, para un dos máis requintados lectores, críticos e coñecedores da literatura do país, estaba agardando por él.
dimarts, 16 de juliol del 2013
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada