O vindeiro luns, 17 de maio, celébrase o Día das Letras, e como cada ano, as rúas de Compostela acollerán a tradicional manifestación en defensa da lingua. Un día para camiñarmos xuntos polo galego.
*E máis, nos tempos que corren. De ser un día de festa, a ser unha xornada de eivindicación. Os galegos vémonos na obriga de reclamarlle os nosos dereitos lingüísticos á Xunta, que no canto de erixirse como principal valedor da lingua, eríxese como principal inimigo. Porén, o día 17 volverá ateigar a Praza do Obradoiro a dignidade do noso pobo.
*Namentres a plataforma cidadá Queremos Galego ultima os preparativos da que será unha manifestación histórica, o PP prepara a presentación do decreto que reduce a presenza da lingua no ensino. O clamor social contra o mal chamado “decreto do plurilingüismo” e os ditames negativos da principais institucións do país, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Consello Escolar –entre múltiples entidades, grupos políticos, sindicatos...– non impediu que a Xunta siga adiante na súa cruzada contra o idioma, desta vez no eido do ensino.
*O último órgano en pronunciarse en contra do decreto foi o Consello Consultivo. Con todo, a Consellaría de Educación eludiu comentar as dúbidas sobre a legalidade desta norma creada polo PP, que substituirá desde setembro o decreto 124/2007. O texto aprobado polo Goberno bipartito estabelece que se impartan como mínimo o 50% das materias en galego (porcentaxe que nin sequera se está a cumprir na meirande parte dos centros educativos do país segundo advirte a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector).
*Cada día que pasa, o Goberno do PP dá novos argumentos para que os que queremos a lingua propia do país acudamos en masa á chamada de Queremos Galego. A poucos días da celebración do Día das Letras, a Xunta, por vez primeira na historia, colocou valados publicitarios en castelán para a campaña de difusión da administración electrónica. O galego perde así un dos poucos espazos que dominaba en exclusiva. Se a Xunta emite en castelán, as empresas privadas poderían tomar exemplo para desistir na normalización.
*Nun contexto no que as estatísticas alertan da perda de galegofalantes –no nivel máis baixo da súa historia–, o Goberno autónomo, en vez que promover o idioma propio de Galiza –tal e como vén recollido no Estatuto– avoga por desmantelar a súa oficialidade. Por vez primeira na etapa democrática, a Xunta elude cumprir a legalidade vixente en materia lingüística. E iso que tanto a Lei de Normalización Lingüística como o Plan Xeral de Normalización Lingüística foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego, onde hoxe, máis que nunca, escoitamos deputados do PP intervir publicamente en español e gabarse de facelo.
*Á redución do galego no ensino súmanselle a supresión das axudas á tradución de libros ou da cota de libros para as bibliotecas, o desmantelamento das galescolas –rede de escolas que foron consideradas “exemplares” para o Consello de Europa–, a redución das subvencións ás equipas de normalización lingüística dos centros de ensino, o recorte do 20% dos orzamentos de Política Lingüística, a supresión do galego como requisito para acceder á Función Pública... e un longo abano de medidas que van encamiñadas á desaparición da nosa lingua. Pero como a meirande parte de Galiza defende o idioma de seu, unha maré humana anegará Compostela o vindeiro luns, Día das Letras, cuxo homenaxeado –o poeta do Courel Uxío Novoneyra– recibe como “agasallo” da Xunta a tradución dunha obra súa ao castelán. Estaremos na manifestación do 17 de maio porque o galego é “o noso existir”, como lembra o lema da convocatoria desta mobilización.
dimarts, 18 de maig del 2010
Subscriure's a:
Comentaris del missatge (Atom)

Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada