divendres, 1 de gener del 2010

Galigalizando o españolizando Galiza (2012)

Ataques á identidade nacional e privatización resumen as principais liñas de acción do PPdeG desde que accedeu á Xunta de Galiza tras unhas eleccións marcadas por unha campaña difamatoria.

O PP facíase co Goberno galego grazas á desmobilización do electorado máis de esquerdas, que se decantou pola abstención logo dun agresivo plan dos populares contra o socialista Emilio Pérez Touriño, daquela presidente da Xunta, e contra o nacionalista Anxo Quintana, vicepresidente. Mentres que o PPdeG –que se define como galeguista nos seus estatutos– se afanaba en impulsar a españolización e en erradicar os avances conseguidos polo bipartito no primeiro mes á fronte do Goberno, o PSdeG e o BNG movían ficha. Os socialistas substituían a Touriño por Manuel Vázquez como secretario xeral e os nacionalistas decantábanse por Guillerme Vázquez para ocupar a Portavocía Nacional.

Nos primeiros meses dos conservadores na Xunta, saíu á luz a suposta incompatibilidade do conselleiro Agustín Hernández –que adxudicou obras sendo un cargo público na época de Fraga a empresas nas que despois traballou– e tamén se coñeceron as relacións do PPdeG co 'Caso Gürtel'. Pouco lle importaron a Alberte Núñez Feixóo os problemas internos do partido –no que cada vez era máis evidente a fenda entre o sector da “boina” (os galeguistas) e o do “birrete” (a corrente que segue os ditados de Xénova). Malia os escándalos que afectaron os populares, o novo presidente do Goberno galego comezou a impulsar unha serie de medidas antigalegas baixo unha aparente unión do PPdeG.

En menos de seis meses, o Executivo modificou a Lei da Función Pública para evitar que se garantise o uso da lingua na Administración. Daquela, o PP aludiu a “barreiras lingüísticas”, suxerindo que o galego, máis que un idioma é un lastre. Tamén suprimiu o decreto de Educación Infantil que regulaba o uso e promoción da lingua nesta etapa, atrasou as axudas á normalización e recortou os orzamentos de Política Lingüística en máis dun 20 por cento. Coa chegada do novo ano, Feixóo cumprirá a promesa electoral de derrogar o decreto do galego no ensino aprobado polo bipartito, que insta a impartir como mínimo a metade das materias no idioma do país e que nin sequera se está a cumprir.
Resposta social

Cando se cumpriu pouco máis dun mes da investidura de Feixóo como presidente da Xunta, o PP tivo que enfrontarse a unha exitosa manifestación en defensa da lingua –celebrada o 17 de maio– na que os participantes pediron contas da política lingüística contraria ao galego emprendida polos conservadores. Á tradicional marcha do Día das Letras sumouse a maior protesta a prol do idioma o 18 de outubro que, convocada pola plataforma Queremos Galego, reuniu máis de 100.000 persoas contra os ataques do Goberno á lingua. Ademais da oposición, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega –institucións pouco propensas a opinar sobre as liñas de acción da Xunta– pronunciáronse publicamente en contra das medidas adoptadas polo PP en lingua.

Aos recortes da xa por si escasa lexislación en materia lingüística, súmase o uso do español por parte dalgúns cargos da Xunta no desempeño da súa función pública e a exclusión do galego nalgunhas comunicacións internas. “La Coruña”, “La conselleira del Mar”, “Consejería del Medio Rural”... son algúns dos exemplos recollidos da papelaría oficial do Goberno. Ante o incumprimento sistemático da Lei de Transparencia da Administración, o BNG levou ao Parlamento unha moción coa que tentou sen éxito –por mor do voto en contra do PP– ratificar o compromiso da Cámara co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega –que foi aprobado no 2004 por unanimidade dos Grupos Parlamentares.

Outra das medidas adoptadas por Feixóo foron a eliminación das axudas ás traducións literarias ao galego, a supresión da feira das industrias culturais do país (Culturgal) ou a desaparición da rede de escolas infantís (Galescolas) –implantadas polo BNG no bipartito e eloxiadas por organismos internacionais. Para erradicar todo vestixio do galego na nomenclatura dos centros de ensino, o PP gastou fondos públicos na cartelaría, nos rótulos e no material das galescolas, que pasaron a denominarse “A galiña azul”.

Sen partido das seleccións

Na súa cruzada contra os sinais de identidade do país, o PP tamén suprimiu a organización do tradicional partido de Nadal das seleccións nacionais de fútbol –que en ocasións acabaron con superávit– aludindo a unha falsa austeridade que se contradí cos millóns outorgados polo Executivo a clubs deportivos privados.
Ao menosprezo á lingua e á cultura nacional, engadiuse o desmantelamento de todos os logros acadados a nivel social e económico polo bipartito.

 Nesta liña, o PP derrogou o decreto eólico creado polos nacionalistas, que buscaban un revulsivo económico e social para Galiza co desenvolvemento do sector, a repercusión dos beneficios no país, a aposta polo emprego e a titularidade pública do 14 por cento da potencia instalada. Tamén paralizou o proxecto de software libre Mancomún, a gratuidade universal dos libros de texto e as oficinas de Igualdade e Benestar. Aos poucos privatizará a sanidade e os servizos sociais escudándose en eufemismos como a “xestión externa”.